Inicio Galicia A Xunta activa a alerta laranxa por temporal costeiro en todo o...

A Xunta activa a alerta laranxa por temporal costeiro en todo o litoral e por vento nas provincias da Coruña e Lugo

0

En terra, espéranse ventos do suroeste de ata 100 quilómetros por hora na Mariña lucense e no noroeste, o oeste e o suroeste da provincia da Coruña


A Dirección Xeral de Emerxencias e Interior da Vicepresidencia da Xunta activa desde esta noite unha alerta laranxa por temporal costeiro que afectará a todo o litoral galego, e a partir desta madrugada por vento en terra nas provincias da Coruña e Lugo.

Segundo informa a Axencia Estatal de Meteoroloxía (AEMET), espéranse ventos do suroeste que poden acadar os 100 quilómetros por hora e que afectarán a partir desta madrugada á Mariña lucense, e desde a tarde de mañá tamén ao noroeste, o oeste e o suroeste da provincia da Coruña.

A AEMET tamén alerta dun fenómeno meteorolóxico adverso costeiro de nivel laranxa en todo o litoral da comunidade, que comezará esta noite no noroeste e o oeste da provincia da Coruña e irá estendéndose dende a madrugada á costa de Lugo e Pontevedra. Agardase mar combinada do sur de ata seis metros segundo a zona chegando aos sete metros no noroeste e no sureste da Coruña, ademais de ventos do sur ou do suroeste que poden acadar forza oito. Por este motivo, e co fin de garantir a seguridade dos bens e as persoas, a Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, a través do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias 112 Galicia, informou da situación aos concellos da provincias afectadas; deputacións, servizos provinciais e agrupacións de voluntarios de Protección Civil e aos clubs náuticos, entre outros. Deste xeito, agárdase que se adopten as medidas oportunas para garantir a seguridade dos bens e das persoas. Suspensión das actividades no exteriorA Comisión Escolar de Alertas decidiu suspender mañá as actividades no exterior dos centros educativos radicados nas zonas decretadas con alerta laranxa por refachos de vento superiores a 100 quilómetros por hora. Segundo o establecido por MeteoGalicia, este fenómeno adverso afectará ás zonas de predición meteorolóxica do noroeste da Coruña e na Mariña de Lugo. Para o caso de que as circunstancias da localidade onde se atopa o centro supuxesen un risco superior ao declarado e pasase a unha declaración de nivel superior, as direccións poderán adoptar as decisións oportunas respecto da suspensión das actividades extraescolares. A listaxe de concellos incluídos en cada zona climática pode consultarse na páxina web de Meteogalicia: https://www.meteogalicia.gal/datosred/infoweb/meteo/docs/adversos/DefinicionZonasAdversos_gl.pdfRecomendaciónsA Xunta lembra que, co vento, o mobiliario urbano pode desprazarse e os restos de árbores e pólas que puideron caer á vía poden condicionar a circulación. Tamén se lle recorda á poboación a importancia de seguir as medidas de protección como retirar os obxectos que poidan caer á rúa dende os tellados, balcóns e fiestras e evitar pasar preto de edificios en ruínas, en construción, árbores, paneis publicitarios e obxectos susceptibles de desprazarse co vento.

Por mor do temporal costeiro, aconséllase a suspensión das actividades pesqueiras e marisqueiras como medida preventiva naquelas zonas máis perigosas. Unha recomendación que é extensible á pesca deportiva e a outras actividades deportivas no mar. Tamén se insta a extremar as medidas de seguridade á hora de realizar calquera outro tipo de actividade no mar e que se revisen os cabos e amarres das embarcacións.

Debido a alerta laranxa no litoral, é preciso permanecer lonxe da liña de costa, así como evitar aproximarse a diques, rompentes, paseos marítimos, espigóns, peiraos e todas aquelas zonas que podan ser varridas polo mar co fin de previr un eventual golpe de mar que poida arrastrar persoas ou obxectos.

Ademais, recoméndase tamén consultar a páxina web do CAE 112 (www.112galicia.org), que conta con información meteorolóxica e con enlaces de interese. 

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre