Inicio Galicia A Xunta acreditará a competencia profesional de 1800 galegos e galegas...

A Xunta acreditará a competencia profesional de 1800 galegos e galegas para que progresen na súa carreira laboral

0

A convocatoria, publicada esta semana no Diario Oficial de Galicia, inclúe un total de 11 cualificacións profesionais, das que dúas son novas: Instrución en ioga e Vixilancia e seguridade privada


A Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través da Dirección Xeral de Orientación e Promoción Profesional, vén de publicar no Diario Oficial de Galicia (DOG) a nova convocatoria para o ano 2020 do procedemento de recoñecemento das competencias profesionais adquiridas a través da experiencia laboral, cuxo prazo de inscrición estará aberto ata o 27 de decembro.

Convocaranse 1800 prazas repartidas entre 11 cualificacións profesionais. Por primeira vez ofreceranse as de Instrución en ioga e Vixilancia e seguridade privada:- Atención sociosanitaria a persoas no domicilio: 300 prazas. – Atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais: 250 prazas.- Socorrismo en espazos acuáticos naturais: 200 prazas. – Socorrismo en instalacións acuáticas: 200 prazas. – Docencia da formación para o emprego: 100 prazas. – Extinción de incendios e salvamento: 150 prazas. – Operacións de vixilancia e extinción incendios forestais e apoio a continxencias no medio natural e rural: 150 prazas. – Confección e mantemento de artes e aparellos: 75 prazas. – Servizos para o control de pragas: 75 prazas. – Vixilancia e seguridade privada: 150 prazas.- Instrución en Ioga: 150 prazas.

As cualificacións convocadas responden a necesidades ou demandas de acreditación, en moitos casos por tratarse de actividades ou profesións reguladas por normativa europea, estatal ou autonómica, que establece que por razón de saúde e seguridade, para garantir un bo servizo aos usuarios ou clientes, será requisito imprescindible para desempeñar a ocupación ou profesión posuír un título ou certificado de profesionalidade que acredite a súa cualificación profesional. Unha cualificación que en moitos casos os traballadores veñen desempeñando durante anos e que corren o risco de perder se non logran esa acreditación oficial. É o caso dos profesionais de atención sociosanitaria, do socorrismo acuático, do control de pragas e de confección e mantemento de artes e aparellos.

Estas acreditacións teñen carácter oficial e validez nacional, polo que poderán facerse valer ante os sistemas de educación e formación profesional -para establecer exencións ou validacións cos módulos formativos da FP inicial ou da FP para o emprego-, pero sobre todo as persoas poderán utilizalas no mercado laboral como acreditación oficial dos coñecementos e capacidades e do bo facer profesional adquirido a través de anos experiencia. Isto facilitaralles avanzar e progresar na súa carreira profesional, mentres que ás empresas permitiralles optimizar o aproveitamento dos seus recursos humanos.

Este recoñecemento oficial tamén suporá unha maior transparencia no mundo da formación e do emprego, que se traducirá nun importante aforro para as persoas e para as administracións en termos de tempo, custos económicos e mobilización de esforzos e recursos materiais e humanos.

Deste xeito, dáse continuidade ás convocatorias anuais que vén publicando desde 2011 a Consellería de Economía, Emprego e Industria, o que a converteu nunha das rexións pioneiras en impulsar este procedemento. Preto de 13.400 candidatos acadaron unha acreditación oficial da súa competencia profesional.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre