Inicio Galicia A Xunta acorda manter na área da Coruña as restricións xa implantadas,...

A Xunta acorda manter na área da Coruña as restricións xa implantadas, intensificar o rastrexo de casos e reforzar as medidas de control

0

Feijóo sinala que, polo momento, non se prevé establecer medidas de control xeral da mobilidade, sen prexuízo de que isto cambie nos vindeiros días

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, informou hoxe aos galegos e galegas das decisións acordadas pola Xunta, tras escoitar ao comité clínico de expertos sanitarios, ante a actual situación epidemiolóxica. Estas medidas, precisou, entrarán en vigor mañá despois da súa publicación esta tarde no DOG.

Feijóo explicou que aínda que a situación epidemiolóxica é boa en Galicia –cunha taxa de incidencia acumulada nos últimos 14 días catro veces inferior á de España– houbo un empeoramento coa apertura de fronteiras. Primeiro na zona da Mariña, que actualmente está en fase de resolución; e despois na área da Coruña, onde a situación é especialmente preocupante.

Por este motivo, dixo, nesta área manteranse as restricións implantadas nos últimos días en relación á prohibición do ocio nocturno; limitación das reunións privadas ata un máximo de 10 persoas; redución do aforo ata o 50% nos comercios e hostalería; restrición das visitas e saídas de usuarios de residencias; e peche dos centros de día.

Como novidades, o titular da Xunta avanzou que se intensificará o rastrexo dos casos, cun aumento das PCR e a posibilidade de levar a cabo un cribado aleatorio entre os sectores da poboación máis afectados. A este respecto, cabería a posibilidade de incrementar ata as 1.200 as probas PCR que se realizan na área de Coruña.

Do mesmo xeito, Feijóo sinalou que se solicitará aos concellos e a Delegación do Goberno que, a través das súas policías locais e Forzas de Seguridade do Estado, estean vixiantes e proactivos ante a necesidade de reforzar as medidas de control.

Ademais de todo o anterior, o presidente do Goberno galego trasladou outras dúas medidas que se están a analizar nestes momentos: a posibilidade de restrinxir o número de acompañantes aos enfermos hospitalizados na área sanitaria da Coruña e a posibilidade de ampliar a restrición do ocio nocturno a máis zonas de Galicia.

Non se prevé establecer medidas de control xeral á mobilidade de momentoPor outra banda, Feijóo adiantou que, polo momento, non se prevé establecer medidas de control xeral da mobilidade, sen prexuízo de que isto poida variar nos vindeiros días: “O comité clínico volverá reunirse dentro dunha semana para decidir se se manteñen, suavizan ou incrementar as medidas”, aseverou.

A maiores, o comité clínico tamén analizou un protocolo de actuación relativo aos traballadores temporeiros, con medidas de prevención e control que cobran especial relevancia coa recolección de froitos e a vendima no próximo mes.

Prohibición de fumar en rúas e terrazas se non se mantén a distanciaFinalmente, outra das cuestións abordadas foi a prohibición, en toda Galicia, de fumar nas rúas e terrazas cando non se poida manter a distancia de seguridade.

Ao longo da súa intervención, o mandatario galego volveu insistir na necesidade dunha reforma legal que permita ás CCAA ter autoridade e adoptar medidas con respaldo legal no ámbito da Lei orgánica de saúde pública. Unha reclamación que xa fora trasladada en todas as conferencias de presidente e que hoxe, sinalou, “é un clamor”.

O presidente da Xunta rematou a súa intervención agradecendo aos profesionais da sanidade pública o seu labor profesional e compromiso e facendo un chamamento á responsabilidade individual, especialmente aos máis novos: “O virus non colle vacacións. Non podemos baixar a garda”, finalizou. 

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre