Inicio Galicia A Xunta acorda con Oxford exhibir a Kennicott, unha das biblias xudías...

A Xunta acorda con Oxford exhibir a Kennicott, unha das biblias xudías máis valiosas do mundo creada na Coruña no século XV

0

Será a primeira vez que o manuscrito se poida ver en España, 500 anos despois do exilio dos seus propietarios arredor do 1492, por mor do decreto de expulsión dos xudeus promulgado polos Reis Católicos

A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Cultura e Turismo, vén de anunciar que a Biblia Kennicott, recoñecida como unha das obras cume da ilustración medieval e un dos manuscritos hebreos máis valiosos e fermosos do mundo, será exhibida en Galicia máis de 500 anos despois de que saíse da Coruña –onde foi creada– no século XV.

O director xeral de Políticas Culturais, Anxo M. Lorenzo, confirmou hoxe o acordo coas prestixiosas Bibliotecas Bodleian da Universidade de Oxford –propietarias da obra– para lograr que este manuscrito, a testemuña máis importante da presenza xudía en Galicia na Baixa Idade Media, volva temporalmente á nosa Comunidade. Será para formar parte da mostra Galicia, un relato no mundo, a primeira das grandes exposicións internacionais do Goberno galego con motivo do Xacobeo 2021, que se inaugurará no Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura o vindeiro 14 de novembro.

Nunha rolda de prensa celebrada no Arquivo Histórico do Reino de Galicia na Coruña, o director xeral destacou que a Biblia Kennicott “é unha obra creada en Galicia, pero que pertence ao patrimonio mundial” sinalándoa ademais como a peza “que probablemente mellor reflicte o obxecto da exposición: amosar obras que resultan esenciais para a historia e identidade de Galicia, algunhas delas nunca antes exhibidas na nosa Comunidade”. O acto onde se anunciou este fito contou tamén coa participación do comisario da mostra, Manuel Gago, e do vicepresidente da Fundación HispanoJudía, Alberto Ruíz-Gallardón.

Un dos tesouros das Bibliotecas BodleianA Biblia Kennicott rematouse na Coruña o 24 de xullo de 1476, por encargo dun importante comerciante da cidade, Don Isaac, fillo de Salomón de Braga. Isaac e a súa familia tiveron que marchar da Coruña arredor de 1492-1493 por mor do decreto de expulsión dos xudeus promulgado polos Reis Católicos e moi posiblemente levaron a Biblia con eles.

O libro seguiu un azaroso camiño por Portugal, o norte de África e Xibraltar e durante 300 anos estivo desaparecido. En 1771, Benjamin Kennicott, responsable da Biblioteca Radcliffe da Universidade de Oxford, xestionou a súa adquisición para os fondos da institución. En 1872 a Biblia sería transferida ás Bibliotecas Bodleian, tamén da Universidade de Oxford, onde continúa ata hoxe que, 500 anos despois do exilio dos seus propietarios, volverá a Galicia para ser exhibida na Cidade da Cultura no marco desta exposición, ao carón doutras obras senlleiras da presenza e papel de Galicia no contexto internacional.

Biblia de incalculable valor históricoNo acto de anuncio deste fito, o director xeral de Políticas Culturais quixo pór de relevo o logro que supón que “unha das bibliotecas históricas máis importantes, prestixiosas e antigas de Europa, acceda a este préstamo dunha obra de incalculable valor histórico”. Ademais, explicou, con pezas coma esta, Galicia, un relato no mundo “expresa perfectamente o carácter multicultural e interrelixioso do Xacobeo 2021, xa que na mesma exposición poderase ver a Biblia Kennicott e ao seu carón dúas versións do Códice Calixtino” –os Liber Sancti Iacobi da Biblioteca Apostólica Vaticana e da Biblioteca General Histórica de Salamanca–.

Neste punto abondou tamén o comisario da mostra, ao destacar que a Kennicott é un “magnífico expoñente da confluencia artística na España do século XV das tradicións artísticas musulmás, hebreas e cristiás”. Así o puxo de relevo, por exemplo, a reputada académica inglesa Mary Beard, Premio Princesa de Asturias de Ciencias Sociais e catedrática na Universidade de Cambridge. No seu libro La civilización en la mirada referiuse á Kennicott como “unha biblia repleta de fascinantes ilustracións […] xurdida nun breve período na historia de España do século XV no que as tradicións artísticas xudías, musulmás e cristiás converxeron de forma especialmente produtiva”.

Por último, o vicepresidente da Fundación HispanoJudía, Alberto Ruíz-Gallardón, quixo agradecer á Xunta de Galicia e ás Bibliotecas Bodleian o acordo para lograr que “unha obra de enorme valor para a comunidade hebrea sexa incorporada a esta exposición, dándolle así visibilidade ao relevante papel da cultura xudía na Historia de Galicia”. Neste senso, o regreso da Biblia Kennicott era unha reivindicación histórica de numerosos colectivos e voces. A Fundación HispanoJudía vén de sumarse aos apoios desta exposición cunha colaboración que contribúe a sufragar parte dos gastos derivados da xestión do préstamo e do seguro da peza.300 obras senlleirasA Biblia Kennicott é a última das grandes pezas confirmadas que formarán parte desta exposición, procedentes de distintos puntos do mundo e cun gran valor simbólico para a cultura e a historia de Galicia. Súmase así a outras máis de 300 obras senlleiras sobre os mitos, a historia e a memoria da identidade galega ao longo do tempo e do mundo entre as que destacan pezas como a Santa de Francisco Asorey, anunciada a pasada semana. Esta escultura en madeira policromada non só é unha das pezas máis destacadas do escultor cambadés, senón tamén unha das obras de arte galegas máis significativas e controvertidas do século pasado, polo potente e provocador simbolismo co que representou a muller labrega galega, rachando cos códigos estéticos da época.

Na mostra poderán verse por vez primeira en Galicia pezas como o Libro das Invasións, –onde se atopa a primeira mención coñecida a Breogán–, o Mapa de Sawley –considerado un dos primeiros mapa mundi enciclopédicos europeos, no que se representa a Catedral de Santiago como o edificio máis importante de Europa–, o Codex Aretinus de Arezzo –que contén o Itinerario de Exeria, o libro de viaxes desta aristócrata galaicorromana que foi a primeira escritora coñecida da Península Ibérica–, ou Cancioneiro da Vaticana, ademais de dous Liber Sancti Iacobi –versións do Códice Calixtino compostelán, procedentes da Biblioteca Vaticana e da Universidade de Salamanca–.

A exposición, organizada pola Consellería de Cultura e Turismo e que se poderá visitar de balde no Museo Centro Gaiás ata o 12 de abril de 2020, conta coa colaboración do Consello da Cultura Galega e da Secretaría Xeral da Emigración.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre