Inicio Galicia A Xunta achegará o investimento necesario para garantir a continuidade da celebración...

A Xunta achegará o investimento necesario para garantir a continuidade da celebración do Marisquiño en Vigo

0

O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, e o secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, mantiveron hoxe unha xuntanza coa organización do festival na que comprometeron a colaboración económica solicitada

O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, o secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, e o director xeral de Políticas Culturais, Anxo M. Lorenzo, mantiveron hoxe unha reunión co director do festival O Marisquiño, Joako Ezpeleta. Nela o Goberno galego expresou o seu compromiso para realizar a achega necesaria que garanta a continuidade da súa celebración en Vigo.

Como salientou Román Rodríguez, desde a Xunta realizouse “unha proposta xenerosa, na liña do solicitado pola organización, para poder celebrar o festival”. Trátase dunha axuda tanto directa como a través do sistema de patrocinios que, en conxunto, supera a achega da edición anterior.“Queremos que O Marisquiño se manteña en Vigo e estamos apoiando a súa celebración e cumprindo as expectativas que se nos formularon por parte da empresa organizadora”, declarou o conselleiro, que amosou a súa satisfacción polo entendemento acadado.

Deste xeito, a Xunta comprométese a ser un importante colaborador deste evento de cultura urbana e deportes extremos e que representa “unha boa oportunidade para Galicia”. O titular de Cultura e Turismo celebrou o entendemento entre a Administración autonómica e os organizadores, que teñen previsto comunicar esta semana a súa decisión sobre o evento.

O Marisquiño está considerado o festival de cultura urbana e deportes de acción gratuíto máis importante do sur de Europa. É membro da exclusiva elite de eventos World Cup e un dos poucos do mundo que reúne esta cualificación para tres disciplinas puntuables a nivel internacional: skate, dirt jump y basket 3×3. Trátase dunha cita que reúne durante tres días máis de dez competicións deportivas, así como diferentes eventos culturais como break dance, exhibicións de graffiti, música en directo, etc.

A súa dimensión fai que funcione como un importante escaparate da nosa Comunidade en Europa para a promoción dun turismo cultural e de festivais, xa que o 30% dos asistentes proveñen de fóra de Galicia. Ademais, cómpre destacar que tamén acoden a esta cita campións do mundo en distintas disciplinas que axudan a ofertar en Vigo unha proposta de calidade durante a tempada estival. Neste sentido, e para favorecer unha oferta turística e cultural de calidade en Vigo, o Goberno galego mantivo diversas xuntanzas coa organización ata presentar hoxe este acordo que garanta a supervivencia do festival.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre