Inicio Galicia A Xunta achegará 200.000 euros para a construción dun centro de día...

A Xunta achegará 200.000 euros para a construción dun centro de día no concello da Lama

0

O Goberno galego e o Concello asinarán proximamente un convenio de colaboración para dotar a este municipio por primeira vez dun servizo para maiores

A conselleira de Política Social, Fabiola García, anunciou hoxe que a Xunta achegará 200.000 euros para dotar dun centro de día ao concello da Lama. Fíxoo durante unha visita ao municipio pontevedrés na que estivo acompañada do alcalde Jorge Canda Martínez.

Fabiola García subliñou que nas vindeiras semanas se asinará un convenio entre o Goberno galego e o Concello da Lama no que se incluirá esa achega económica. A construción e xestión posterior do centro será municipal.

O Concello ten elaborado o proxecto para este centro de día que incluirá tamén un espazo dedicado a fogar residencial ou vivenda comunitaria e no que se estima o custe da construción en aproximadamente 520.000 euros. Esta actuación permitirá dotar por primeira vez ao municipio dun recurso para os seus maiores. A conselleira destacou a importancia da colaboración entre a Xunta de Galicia e o Concello e recordou o obxectivo do Goberno galego é que cheguen a todos os concellos recursos para as persoas de máis idade.

O centro terá unha superficie aproximada de 300 metros cadrados e incluirá dous espazos, un destinado ao centro de día e outro á parte residencial. No de atención diúrna incluirase un comedor, unha sala polivalente, cociña e outros espazos necesarios para o funcionamento do centro. No que se refire a zona destinada a fogar residencial, dotarase de catro habitacións con baño incorporado. A previsión é que o centro de día conte con 16 prazas.

O obxectivo do Goberno galego é atender antes de que remate o ano a 65.000 dependentes, unha vez superada xa desde metade desta lexislatura a meta inicial dos 60.000. Nos últimos dez anos, Galicia multiplicou por tres as prazas públicas en centros de día, ata dispoñer hoxe de máis de 3300; e incrementou en máis dun 42% as prazas públicas en residencias ata superar as 8000 da actualidade. Ademais, nesta lexislatura puxéronse en marcha servizos innovadores que permiten que os maiores estean atendidos na súa contorna, como as casas do maior ou o programa de Coidados porta a porta.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre