Inicio Galicia A Xunta achega o museo Gaiás ás aulas a través dun programa...

A Xunta achega o museo Gaiás ás aulas a través dun programa pioneiro en Galicia de visitas didácticas por videoconferencia

0
image_gallery.jpg

Ofrece aos centros de ensino unha alternativa ás saídas escolares programadas, nun momento no que se viron limitadas polas medidas de contención da covid-19 


O Museo Centro Gaiás leva as súas exposicións ás aulas grazas a un programa –pioneiro en Galicia– de visitas didácticas realizadas a través de videoconferencia. A iniciativa ofrece así aos centros de ensino unha alternativa ás saídas escolares programadas, nun momento no que estas se viron limitadas polas actuais medidas de contención da pandemia da covid-19. O proxecto tira proveito das posibilidades da tecnoloxía para permitir a docentes e estudantes afondar en contidos culturais de primeira orde e gran potencial didáctico, como a exposición Galicia, de Nós a nós, da man do equipo de guías do Museo Gaiás.

Este novo programa oferta así unha alternativa ás visitas que o complexo da Cidade da Cultura viña acollendo ao longo do curso escolar, e que as medidas para frear o avance da pandemia da covid-19 impiden que se desenvolva do xeito habitual. A iniciativa foi recibida con entusiasmo por parte da comunidade educativa, esgotándose en poucos días as 24 quendas dispoñibles de aquí ao 15 de novembro, que xa están todas asignadas. Ante esta excepcional acollida, o Museo Centro Gaiás vén de abrir novas datas e a partir de mañá venres os centros de ensino poden xa facer a súa reserva para a segunda xeira de visitas didácticas. Nela atenderanse outros 38 grupos entre o 17 de novembro e o 15 de xaneiro, esperando superar os 2.000 estudantes a través deste proxecto pioneiro.

De Nós, á aulaDirixidas a alumnado de ESO e Bacharelato, as visitas didácticas en liña a Galicia, de Nós a nós permiten achegarse a distintas pezas e relatos que se abordan na exposición, co obxectivo de destacar a importancia de Nós na construción da identidade galega e a súa pegada na nosa lingua e cultura. Están conducidas polo persoal de guías do Museo Centro Gaiás, cos que alumnado e docentes poden interactuar en directo.

Ademais de visualizar múltiples obras expostas na mostra, a visita emprega recursos audiovisuais adicionais que axudan a comprender mellor o contexto sociohistórico e sociolingüistico da Xeración e do Grupo Nós e a conectar os protagonistas da exposición coa actualidade e coa realidade da audiencia. De xeito complementario, a actividade proponse tamén pór en valor o uso das TIC nos procesos de aprendizaxe actuais.

Ferramenta didáctica de primeira ordeCon esta iniciativa, a Cidade da Cultura quere dar continuidade ao seu consolidado programa didáctico, que só en 2019 atendeu a 14.652 alumnos e alumnas de 640 grupos procedentes de centros de toda Galicia, que se achegaron así ás exposicións, arquitectura e espazos naturais do Gaiás. O Servizo de Educación, Mediación e Atención ao Público do Museo procura deste xeito manter o contacto e interacción directa cos centros de ensino e o seu alumnado no contexto actual, co convencemento de que as visitas vinculadas á cultura e á arte, e as actividades fóra da aula no seu conxunto, son unha valiosa e amena ferramenta pedagóxica na docencia.

Neste sentido, o programa de visitas didácticas en liña é só un dos múltiples recursos que a Cidade da Cultura vén desenvolvendo no último ano para achegar a súa programación ao público no contexto imposto pola pandemia de limitación de desprazamentos e redución de prazas nas actividades ao vivo. Neste sentido, desde o pasado mes de marzo lanzáronse a través da Rede actividades para a cativada como o ciclo de contacontos en liña do Club das lerchiñas; a serie de videoreceitas das Cociñeiras ilustradas; ou os retos didácticos da Raposa Fedella. Xa no eido do público adulto, o Gaiás emitiu a través de streaming tanto concertos –por exemplo na celebración de eventos sinalados como o Día da Música, ou máis recentemente os magostos– como sesións de debate e análise sobre o sector cultural como as dos Foros #aculturasegue ou du #culturalike. 

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre