Inicio Galicia A Xunta achega no campus de Ourense a excelencia dos produtos do...

A Xunta achega no campus de Ourense a excelencia dos produtos do mar á mocidade para fomentar o seu consumo

0

A delegada territorial, Marisol Díaz Mouteira, participou no ‘showcooking’ do tráiler que percorre as zonas universitarias de Galicia dentro da campaña ‘Vai de peixe’, dirixida aos ‘millennials’

O tráiler da campaña Vai de peixe segue hoxe co seu percorrido por Galicia cunha parada no campus de Ourense da Universidade de Vigo. Esta campaña impulsada pola Xunta de Galicia, a través da Consellería do Mar, ten como obxectivo mellorar os hábitos alimenticios da xente nova de entre 18 e 35 anos, os coñecidos como millennials, para que desfruten máis e mellor dos produtos do mar, esenciais nunha alimentación equilibrada e saudable.

A delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, achegouse ao camión da campaña, no que se desenvolveuse un showcooking para achegar aos millennials a excelencia do peixe e mostrarlle que hai receitas sinxelas que se poden facer con eles. A representante do Executivo galego explicou que, aínda que os máis novos están cada vez máis concienciados co que comen e co seu impacto no medio ambiente, cómpre incidir entre a mocidade en que os produtos do mar son fundamentais para unha dieta equilibrada e “afortunadamente en Galicia contamos cunha gran variedade e de gran calidade”.

Marisol Díaz Mouteira indicou que nesta campaña a Xunta conta coa participación dos youtubers Percebes y Grelos e Coque Macho, a atleta olímpica Ana Peleteiro e a presentadora Eva Iglesias, persoas recoñecibles para a xente nova e que teñen influencia entre o público máis novo a través das comunidades que foron creando nas redes sociais.

Vai de peixe é a primeira campaña de España destinada especificamente a impulsar o consumo dos produtos do mar e da acuicultura na franxa de idade entre os 18 e os 35 anos (xeración millennial). Mediante unha estratexia baseada na promoción dixital a través da web e redes sociais (Instagram e canle de Youtube), Vai de peixe busca fomentar hábitos de alimentación saudable e promover un consumo frecuente de peixe e marisco nesta franxa de idade, para concienciar da importancia dunha nutrición equilibrada.

Durante o curso académico 2019-2020, Vai de peixe tamén levará a cabo unha serie de accións destinadas á difusión de información dos produtos pesqueiros, así como de receitas sinxelas e adaptadas ao estilo de vida millennial.

Marisol Díaz Mouteira afirmou que con esta iniciativa se fará fincapé en desterrar todos os falsos mitos que hai en torno á preparación do peixe informando sobre as especies de tempada -para desmentir aos que din que comer peixe é máis caro-, achegando receitas sinxelas -para aqueles que non preparan peixe porque pensan que é máis complexo- e informando da variedade de especies e formatos que cos que se conta, desde os produtos en fresco ata os conxelados ou en conserva.

Segundo os últimos informes, España está entre os maiores consumidores de produtos do mar do mundo, con Galicia como líder na clasificación de consumo. Malia estes datos, só a metade dos galegos consumen peixe dúas ou tres veces por semana e, na franxa de 18 a 20 anos, o 40% só consume peixe unha vez por semana, cando a recomendación dos expertos para unha alimentación sa e equilibrada é inxerir peixe de tres a catro veces por semana.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre