Inicio Galicia A Xunta achega formación en comercio electrónico a 1200 autónomos para reforzar...

A Xunta achega formación en comercio electrónico a 1200 autónomos para reforzar a competitividade dos seus negocios

0

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, mantivo un encontro por videoconferencia con participantes na iniciativa Autónomos Dixitais, na que 420 persoas comezaron xa a formarse neste eido


O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, mantivo hoxe un encontro por videoconferencia con participantes na iniciativa Autónomos dixitais, un novo programa formativo que busca reforzar o tecido produtivo galego facilitando a 1200 alumnos o desenvolvemento de competencias en comercio electrónico e novas canles online co obxectivo de mellorar tanto a comunicación cos clientes como o coñecemento dos seus produtos e servizos.

Na súa intervención, Conde puxo de relevo que os autónomos xogarán un papel central para garantir que a reactivación económica sexa o máis rápida e eficaz, apuntando que o comercio electrónico veu para quedarse, polo que a relación final co consumidor dependerá da destreza de cada autónomo para adaptarse ás tendencias dixitais.

A iniciativa Autónomos dixitais, a través da cal 420 persoas comezaron xa a formarse neste eido, ofrece dúas accións formativas online de 50 horas lectivas cada unha centradas na mellora de habilidades no eido da xestión loxística, o márketing, a venda online e a creación de tendas virtuais. En concreto, Fundamentos para a creación dun proxecto de comercio electrónico e Especialista en e-commerce.

O programa compleméntase co Plan de dixitalización co que a Xunta mobiliza 40 millóns de euros para impulsar a implantación de novas tecnoloxías e a Industria 4.0 no tecido empresarial galego. Dentro deste plan, contémplanse axudas para fomentar as iniciativas empresariais no rural; incorporar tecnoloxías que faciliten a renovación e modernización dos procesos produtivos, e promover a internacionalización a través do comercio electrónico e as novas canles de venda, entre outros aspectos.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre