Inicio Galicia A Xunta achega case 240.000 euros para dotar de equipamento de emerxencias...

A Xunta achega case 240.000 euros para dotar de equipamento de emerxencias ás agrupacións de voluntarios de Protección Civil de 14 concellos lugueses

0

O delegado territorial de Lugo, José Manuel Balseiro, explicou que as axudas permitirán adquirir na provincia tres vehículos todo terreo tipo pick-up, sete remolques e catro tendas de campaña de emerxencias

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a resolución da convocatoria de subvencións para a adquisición de equipamentos de emerxencias a concellos de menos de 50.000 habitantes, mancomunidades e agrupacións de concellos galegos que conten con Agrupación de Voluntarios de Protección Civil.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, explicou que esta orde de axudas permitirá mellorar os medios dos que dispoñen as Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil en 14 concellos lugueses. Nesta provincia, o investimento será de 237.690 euros. O equipamento para ceder ás Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil distribúese en tres liñas de axuda. Unha delas é para adquirir vehículos todo terreo tipo pick-up, que en Lugo beneficia aos concellos de Ribeira de Piquín, Trabada e O Incio.

Outra das liñas permitirá dotar a sete concellos da provincia de cadanseu remolque para a atención ás emerxencias (os municipios beneficiarios son os de Negueira de Muñiz, Cervantes, Lourenzá, Quiroga, O Vicedo, Sober e Palas de Rei). Por último, a terceira está dirixida á adquisición de tendas de campaña de emerxencias (en Lugo serán catro, para os concellos de Vilalba, Mondoñedo, Monforte de Lemos e Chantada).

A adquisición do equipamento é en réxime de concorrencia competitiva e está cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional. O seu importe para toda Galicia, onde hai 66 concellos beneficiarios, supera o millón de euros.

As entidades ás que se lles concedeu o equipamento solicitado terán de prazo dez días hábiles desde a recepción a comunicación da resolución favorable para aceptar ou renunciar á subvención. Se algún dos beneficiarios renuncia redistribuirase o equipamento non adxudicado en base á lista de reserva integrada por todos os solicitantes admitidos segundo a puntuación de cada entidade.

O prazo estimado para a sinatura da acta de cesión dos vehículos todo terreo tipo pick-up e dos remolques para a atención de emerxencias será de tres meses. No caso das tendas de campaña, a cesión quedará condicionada á finalización do novo expediente de contratación.  

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre