Inicio Galicia A Xunta acada financiamento europeo para apoiar co programa Empreganav a inserción...

A Xunta acada financiamento europeo para apoiar co programa Empreganav a inserción laboral de 500 persoas do sector naval

0

O Pleno do Parlamento Europeo vén de aprobar unha axuda de dous millóns de euros para desenvolver a iniciativa da Xunta que se basea nun plan de medidas individualizado co obxectivo de acompañar persoalmente aos participantes en todo o proceso ata a súa reincorporación ao mercado de traballo

O programa Empreganav da Xunta de Galicia para apoiar a inserción laboral de 500 persoas desempregadas vén de acadar financiamento do Fondo Europeo de Adaptación á Globalización (FEAG). O Pleno do Parlamento Europeo acaba de aprobar unha axuda de dous millóns de euros para esta iniciativa, que conta cun orzamento global de 3,2 millóns de euros.

O obxectivo do proxecto, que se presentará nos próximos días aos principais axentes e interlocutores sociais, é promover a competitividade e o crecemento desta industria en Galicia. En concreto, está pensada para repercutir na xeración de postos de traballo máis cualificados.

Os beneficiarios do programa serán persoas desempregadas procedentes de pemes que conforman a industria auxiliar do naval en Galicia, cuxo despedimento fora motivado por causas obxectivos entre o 23 de maio de 2019 e o 23 de febreiro de 2020.

Empreganav baséase nun plan de medidas individualizado para os traballadores para acompañalos persoalmente en todo o proceso ata a súa reinserción no mercado laboral. Deste xeito, a iniciativa articúlase a través de seis fases: acollida e diagnose inicial; medidas de sensibilización; orientación; formación; apoio á recolocación e seguimento personalizado; e incentivos económicos.

Na primeira fase, a de acollida e diagnose inicial, informarase ás persoas beneficiarias das accións que se van levar a cabo e os recursos postos en marcha para axudarlles no seu proceso de recalificación. Realizaráselles un perfil socio-laboral individual a través de entrevistas personalizadas. A fase de sensibilización inclúe a posta en marcha de titorías informativas que servirán de base para encamiñar a participación das persoas beneficiarias dentro das accións incluídas no proxecto. En concreto, daranse a coñecer: novas técnicas e estratexias asociadas á procura activa de emprego; acreditación da experiencia; e iniciativas emprendedoras sobre a creación de empresas (emprendemento).

Tras o diagnóstico da situación de cada usuario, procederase ao asesoramento laboral, sendo o punto de partida a elaboración dun itinerario personalizado. En base ás necesidades identificadas de cada usuario, levaranse a cabo sesións de orientación laboral por conta allea ou en autoemprego.

O programa formativo, distribuído en cinco ámbitos, dotará ás persoas traballadoras dunha maior empregabilidade. Impartirase formación transversal, en competencias clave, en novas tecnoloxías, para a recualificación noutros sectores, para o autoemprego e darase apoio á recolocación e seguimento personalizado. Así, en base ás necesidades de persoal nas empresas e as novas oportunidades de negocio (autoemprego) xestionaranse ofertas laborais e posibles aperturas de negocio (intermediación laboral). Posteriormente, tras a entrada no mercado de traballo farase un seguimento individual a través de titorías personalizadas nas que se verificarán as condicións do emprego.

Incentivos económicosEmpreganav tamén inclúe un programa de apoio económico dotado con 600.000€ e que se centra en axudas directas dirixidas aos beneficiarios para cubrir os gastos derivados da súa participación. Inclúense incentivos para a participación activa; axudas para o desprazamento; incentivos para as persoas emprendedoras; para a inserción por conta allea; e para a conciliación.

Trátase da segunda edición deste programa. Empreganav púxose en marcha por primeira vez no ano 2012 en colaboración cos axentes sociais participantes na mesa sectorial do naval do Diálogo Social e a Fundación Galega do Metal-Formega. Deseñouse tamén un plan feito á medida dos traballadores que concluíu coa participación de 454 persoas que lograron mellorar a súa empregabilidade e das que un 70% lograron a inserción no mercado laboral.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre