Inicio Galicia A Xunta abre o prazo para que as vítimas de violencia de...

A Xunta abre o prazo para que as vítimas de violencia de xénero e de explotación sexual poidan solicitar o bono de alugueiro social

0

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda destinará 1,65 millóns de euros a esta medida, enmarcada no Pacto de Estado contra a violencia de xénero


A partir de mañá e ata o próximo 13 de decembro estará aberto o prazo para solicitar as axudas do Bono de Alugueiro Social destinado a vítimas de violencia de xénero, aos seus fillos dependentes e a persoas que sufran explotación sexual. Así se recolle na resolución publicada hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) e pola que se convoca para 2019 esta liña de subvencións, impulsada no marco do Pacto de Estado contra a violencia de xénero e á que a Xunta destinará unha partida de 1,65 millóns de euros.

O bono terá un importe máximo de 225, 200 ou 175 euros, dependendo do concello no que se atope a vivenda, que equivale ao 50% da contía máxima que pode acadar o prezo do alugueiro en cada zona. Así, a renda máxima será de 450 euros ao mes nas sete grandes cidades; de 400 euros nos concellos de carácter urbano; e de 350 nos concellos de tipo rural. As bases reguladoras das axudas publicadas no DOG do 24/4/2019 inclúen a lista de concellos en que se aplica cada importe.

A concesión será por un período de 12 meses, prorrogable dúas veces máis ata chegar a un máximo de tres anos. Poderase solicitar unha axuda complementaria, de ata 600 euros, para o suposto da inmediata formalización dun contrato de alugamento, que se destinará a atender as obrigas derivadas da constitución de fianza e da alta en subministracións.

Esta liña de subvencións está incluída dentro do Bono de Alugueiro Social, un programa que xa contempla ás vítimas de violencia de xénero entre os seus potenciais beneficiarios. Como novidade, a través da orde convocada este ano e no marco do Pacto de Estado contra a violencia de xénero, a Xunta crea unha liña específica destinada a facilitar a este colectivo o pago dunha vivenda en réxime de alugueiro e ademais, amplíanse os supostos previstos con anterioridade.

Así, inclúense tamén como posibles beneficiarios os fillos e fillas menores de 30 anos das vítimas mortais por violencia de xénero, calquera que sexa a natureza da súa filiación, que se atopasen nunha situación de dependencia económica da nai ou do agresor no momento do falecemento da vítima.

Do mesmo xeito, as subvencións desta liña específica do Bono de Alugueiro Social tamén van destinadas a atender con carácter urxente ás mulleres vítimas de violencia de xénero nunha relación de convivencia e de dependencia económica co seu agresor ou, no caso das vítimas de trata con fins de explotación sexual, de dependencia da persoa que manteña sobre ela unha relación de dominación.

Terán tamén esa consideración as mulleres que padeceran violencia vicaria ou violencia per interpósita persona -isto é, aquelas que sufran o asasinato dos seus fillos/as a mans do maltratador-.

Os ingresos dos solicitantes deste bono, ponderados en función do número de membros que compoñen a unidade de convivencia, non poderán superar 1,5 veces o Indicador Público de Renda de Efectos Múltiples (IPREM).

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre