Inicio Galicia A Xunta abre o prazo para poder participar no programa das áreas...

A Xunta abre o prazo para poder participar no programa das áreas de rehabilitación integral dos camiños e das Illas Atlánticas

0

Os interesados teñen ata o 31 de decembro de 2021 para solicitar a cualificación provisional ou definitiva de actuacións de rehabilitación no ámbito destas dúas ARI, un requisito previo e imprescindible para poder optar ás axudas económicas 


A partir de mañá e ata o 31 de decembro do ano 2021 poderán presentarse as solicitudes de cualificación provisional ou definitiva de actuacións urbanísticas nas áreas de rehabilitación integral (ARI) dos Camiños de Santiago e do Parque Nacional das Illas Atlánticas que se axusten aos requisitos esixidos. Así se recolle na resolución que publica hoxe o Diario Oficial de Galicia, que regula o procedemento para participar no programa de fomento da rexeneración e renovación urbana e rural do Plan de Vivenda 2018-2021 e establece as bases das subvencións que rexerán nestas ARIs.

A obtención da cualificación provisional antes do remate das obras e da definitiva unha vez estean acabadas é unha condición previa e imprescindible para poder optar ás axudas correspondentes ás ARI dos Camiños de Santiago e das Illas Atlánticas, que sairán convocadas nos próximos días. En todo caso, para obter a cualificación provisional ao abeiro desta resolución, as obras non poderán terse iniciado antes do 1 de xaneiro de 2019.

En canto aos potenciais beneficiarios, no ámbito da ARI dos Camiños de Santiago poderán solicitar a cualificación provisional dunha determinada actuación as comunidades de propietarios e as agrupacións de comunidades; as agrupacións de propietarios; e as persoas físicas titulares de edificios ou vivendas localizadas no ámbito desta área de rehabilitación, que abrangue 687 parroquias de 126 concellos.

No ámbito da ARI das Illas Atlánticas, constituída este mesmo ano e a única de carácter insular que hai en Galicia, tamén poderán solicitar a cualificación provisional, ademais de todos os colectivos recollidos no apartado anterior, as persoas físicas con algún dereito real sobre un edificio ou vivenda situada neste ámbito; as persoas titulares dunha concesión sobre un edificio ou vivenda localizado na ARI; e as administracións públicas con competencias na mesma.

Convocatoria de axudasAs axudas poderán solicitarse unha vez se obteña a cualificación definitiva das actuacións de rehabilitación realizadas. Está previsto que a convocatoria saia publicada no DOG na primeira quincena de xullo, cunha dotación de 1,5 millóns de euros para a ARI dos Camiños de Santiago e de 0,5 millóns de euros para a ARI das Illas Atlánticas. Poderán presentar a solicitude de axudas todos os interesados que conten xa coa cualificación definitiva por tela obtido en anos anteriores ou os que a obteñan antes de que remate o prazo fixado na orde.

Contía das axudasAs axudas do Plan de Vivenda 2018-2021 teñen unha contía que non poderá superar o 40 por cento do importe subvencionable da actuación. Este límite increméntase ata o 75 por cento se os ingresos da unidade de convivencia que promove a actuación e reside na vivenda son inferiores a tres veces o IPREM ou cando se acometan actuacións para a mellora da accesibilidade e se acredite que dentro dela existen persoas con discapacidade ou maiores de 65 anos.

Dentro destes límites, o importe das axudas serán de:• Ata 12.000 euros por vivenda para actuacións de mellora da eficiencia enerxética e sustentabilidade en vivendas, con redución da demanda enerxética. No caso de edificios de tipoloxía residencial colectiva, incrementarase esta contía con 120 euros por cada metro cadrado de superficie construída de local comercial ou outros usos. Ademais, poderá incrementarse en 1.000 euros por vivenda e 10 euros por cada metro cadrado de superficie construída de uso comercial ou outros usos, nos edificios e vivendas declaradas ben de interese cultural, catalogados ou que conten con protección integral no instrumento de ordenación urbanística correspondente.• Ata 8.000 euros por vivenda para actuacións de conservación, da mellora da seguridade de utilización e da accesibilidade en vivendas. No caso de edificios de tipoloxía residencial colectiva, incrementaranse estas contías con 80 euros por cada metro cadrado de superficie construída de local comercial ou outros usos. Ademais, poderá incrementarse en 1.000 euros por vivenda e 10 euros por cada metro cadrado de superficie construída de uso comercial ou outros usos, nos edificios e vivendas declaradas ben de interese cultural (BIC), catalogados ou que conten con protección integral no instrumento de ordenación urbanística correspondente.• Ata 30.000 euros, por cada vivenda construída en substitución doutra previamente demolida.• Ata 2.000 euros, por cada vivenda obxecto de rehabilitación, renovación e/ou por cada vivenda construída, para as actuacións de mellora da calidade e sustentabilidade do medio urbano.

O importe destas axudas incrementaranse nun 25 por cento cando os beneficiarios teñan menos de 35 anos e as actuacións se realicen en concellos de menos de 5.000 habitantes.

A estas axudas do Plan de Vivenda sumaranse as aportacións da Xunta de Galicia, que consistirán nunha achega de ata 4.000 euros por cada vivenda obxecto de actuacións de rehabilitación e/ou renovación, sen que a subvención poida exceder do 10 por cento do orzamento protexido de actuación da vivenda ou do edificio; e ata 1.000 euros por cada vivenda obxecto de actuacións de rehabilitación e/ou renovación, sempre que se adapten á Guía de cores e materiais aprobada pola Xunta de Galicia. 

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre