Inicio Galicia A Xunta abre o prazo para optar ás 15 bolsas de formación...

A Xunta abre o prazo para optar ás 15 bolsas de formación nas oficinas de Turismo de Galicia e na área de estudos estatísticos

0

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe as bases desta convocatoria que supón duplicar a oferta de prácticas tuteladas nas oficinas que a Comunidade autónoma xestiona na Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra e Vigo


O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe as bases da nova convocatoria da oferta de formación práctica en atención e información turística para 2020, cun total de 14 bolsas para traballar nas oficinas de turismo situadas en Galicia xestionadas pola Xunta e unha máis para desenvolver tarefas de investigación, tratamento e análise de datos turísticos na Área de Estudos e Investigación Turística da Xunta, en Santiago de Compostela.

En total serán 15 novas bolsas, o que supón seis máis que na anterior convocatoria. Este novo reparto suporá que no marco do Xacobeo 2021 a Xunta duplicará o ano próximo a formación práctica nas oficinas da Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra e Vigo e que ofrecerá unha bolsa máis que ata o de agora na cidade de Santiago de Compostela.

O programa formativo desenvolverase ao longo dos anos 2020 e 2021 e os interesados poderán acceder a catro bolsas para realizar prácticas tuteladas en Santiago de Compostela: unha na oficina de turismo situada na praza de Mazarelos, dúas na oficina do Centro Internacional de Acollida ao Peregrino, e, como novidade, ofrecerase tamén unha bolsa para a oficina de turismo do aeroporto de Santiago de Compostela.

De cinco meses a un anoTamén haberá dúas bolsas para a oficina turística da Xunta na Coruña, dúas en Lugo, dúas para a de Ourense, dúas en Pontevedra, e outras dúas en Vigo. En todos estes casos, terán unha duración máxima de cinco meses, cunha incorporación prevista en maio de 2020.

Xunto a estas bolsas, a convocatoria permitirá ofrecer outra na Área de Estudos en Investigación de Turismo de Galicia. Neste caso, a duración sería dun ano, previsiblemente a partir de marzo de 2020 para realizar tarefas de investigación, tratamento e análise de datos turísticos na sede de Turismo de Galicia en Santiago de Compostela.

En todos os casos, as bolsas están dirixidas a profesionais titulados a partir do 1 de xaneiro de 2014, que, entre outros requisitos, deberán acreditar un coñecemento da lingua galega no nivel Celga 4 e, no caso das oficinas de turismo, tamén o coñecemento da lingua inglesa. As solicitudes valoraranse en base a uns criterios obxectivos fixados nas bases publicadas no DOG e incluirán unha proba de coñecementos turísticos no caso das oficinas de turismo e unha proba de coñecementos prácticos no caso da bolsa na Área de Estudos e Investigación.

A Xunta continúa así a traballar na calidade do destino galego dando resposta á positiva evolución da actividade turística que Galicia está a rexistrar nos últimos anos, garantindo a excelencia na atención e apostando polo perfeccionamento profesional no eido turístico.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre