Inicio Galicia A Xunta abre o prazo para a creación de clubs de lectura...

A Xunta abre o prazo para a creación de clubs de lectura nas bibliotecas dos centros educativos

0
image_gallery.jpg

O curso pasado participaron nesta iniciativa un total de 247 centros de toda Galicia


A Consellería de Cultura, Educación e Universidade abriu o prazo para creación ou continuidade dos Clubs de Lectura dirixida a centros públicos da súa titularidade que imparten ensinanzas de ESO, Bacharelato, FP o de réxime especial. O pasado curso participaron nesta iniciativa un total de 247 centros de toda Galicia e aproximadamente 13.100 alumnas e alumnos.

Os clubs de lectura son grupos de dinamización a prol da lectura nos centros educativos que, ao implicar a diferentes membros da comunidade, son espazos para a convivencia e a educación cidadá. Constitúen, así mesmo, un impulso ao hábito lector dos máis novos e mesmo son espazos útiles para mellorar a autoestima e as habilidades sociais e de lectura do alumnado con dificultades específicas de aprendizaxe.

Por outra banda, nestas reunións adoitan introducirse as tecnoloxías da comunicación e a lectura dixital, así como as relacións con outros clubs, con bibliotecas públicas ou con entidades culturais do entorno máis próximo.

Poderán presentar solicitude os centros que teñan ou vaian crear un club de lectura dentro da programación da súa biblioteca escolar, con un ou máis grupos de alumnos e mesmo coa implicación doutros membros da comunidade educativa, en tempos de lecer ou horario extraescolar. Os centros seleccionados recibirán unha asignación, que se destinará fundamentalmente á adquisición de libros para as actividades do club e que pasarán despois aos fondos da biblioteca.

Prazo de presentaciónO prazo límite para a presentación de solicitudes é o 16 de novembro de 2020. A solicitude deberá presentarse a través da persoa responsable da dirección do centro, mediante un formulario aloxado na páxina de Bibliotecas Escolares de Galicia.Á hora de seleccionar os centros valoraranse as iniciativas destinadas a impulsar a lectura de textos en lingua galega e que busquen contribuír a un maior vínculo das mozas e mozos coa lingua e a literatura galegas. Así mesmo, primaranse as que fomenten a participación nos grupos de lectura de varóns, co fin de contrarrestar os estereotipos de xénero nesta materia. Serán valoradas tamén de forma especial as propostas que impulsen a participación do alumnado con necesidades específicas de apoio educativo. Igualmente valorarase a existencia de grupos de adultos ou mixtos (alumnado-adultos).

Premio Clubs de Lectura 2021A Xunta vén de convocar, ademais, o Premio Clubs de Lectura 2021. Este galardón creado no 2015 pretende recoñecer ao autor galego más lido polos clubs de lectura, co obxecto de poñer en valor o traballo dos creadores comprometidos coa lingua, que achegan a materia prima coa que os clubs de lectura poden contribuír á extensión da lectura en galego.

Para a concesión do premio 2021 terase en conta os libros lidos polos clubs de lectura no curso precedente (nesta ocasión no curso 2019/2020). 

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre