Inicio Galicia A Xunta abre o prazo de solicitudes do novo programa para a...

A Xunta abre o prazo de solicitudes do novo programa para a creación de centros de fabricación avanzada que mellorarán a competitividade das pemes

0

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a convocatoria da nova liña, dotada con 16 millóns de euros, que facilitará ás empresas as infraestruturas necesarias para modernizar a industria galega


A Xunta vén de abrir o prazo de solicitude das axudas do novo programa destinado a facilitar ás pequenas e medianas empresas as infraestruturas necesarias para modernizar a industria galega. Mediante unha dotación de 16 millóns de euros ata 2022, a nova liña apoiará a creación de centros de fabricación avanzada de uso aberto e compartido que impulsarán a competitividade do tecido produtivo e avanzarán na implantación da Industria 4.0.

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a convocatoria dos apoios mediante os que a Consellería de Economía, Emprego e Industria promove que a iniciativa privada poña á disposición das pemes espazos para a prestación de servizos que non serían rendibles sen a colaboración. Facilita a creación, entre outras infraestruturas, de centros de ensamblaxe, loxística e recursos tecnolóxicos, espazos ‘maker’ de fabricación compartida ou o acondicionamento especializado de solo industrial.

As empresas interesadas teñen de prazo ata o vindeiro 9 de marzo para solicitar as axudas, que poderán cubrir ata o 80% do investimento realizado nas infraestruturas que se creen, que se poñerán a disposición dos usuarios interesados de forma aberta, cun prezo equiparable ao do mercado para o uso ou a venda e con servizos tarificables en función do uso que se realice.

Para o deseño da iniciativa, o Igape activou unha consulta previa entre o tecido produtivo galego á que responderon empresas e outros axentes económicos e que permitiu coñecer a demanda que teñen este tipo de espazos industriais.

O programa, que se desenvolve ao abeiro da Estratexia de Especialización Intelixente de Galicia (RIS3), primará a inclusión dos centros que se cren nos Hubs de Innovación Dixital, apoiados polo Goberno galego, e que achegarán ás pemes unha carteira de servizos que lles permitirá avanzar nas tecnoloxías da fábrica intelixente e o big data, facilitando tamén apoio integral para levar produtos e servizos innovadores ao mercado.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre