Inicio Galicia A Xunta abre o prazo de solicitude para a acreditación da experiencia...

A Xunta abre o prazo de solicitude para a acreditación da experiencia profesional de 1.200 traballadores galegos

0
image_gallery.jpg

O Diario Oficial de Galicia (DOG) vén de publicar a convocatoria para este ano cun total de 1.209 prazas en sete cualificacións profesionais


A Consellería de Emprego e Igualdade vén de abrir o prazo para inscribirse no procedemento para o recoñecemento da experiencia profesional. O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou esta semana a convocatoria para este ano que inclúe un total de 1.209 prazas en sete cualificacións profesionais: atención sociosanitaria a persoas no domicilio; en institucións sociais; servizos para o control de pragas; socorrismo en espazos acuáticos naturais; en instalacións acuáticas; operacións de vixilancia e extinción de incendios forestais e apoio a continxencias no medio natural e rural; e vixilancia e seguridade privada.

Os interesados en optar a estas acreditacións, de carácter oficial e validez nacional, poderán inscribirse ata o próximo 11 de febreiro. Toda a información precisa pódese consultar no seguinte enderezo electrónico: https://ceei.xunta.gal/recursos/temas-de-interese?content=topic_0146.html.

As cualificacións convocadas seguen respondendo ás principais necesidades ou demandas de acreditación derivadas das profesións que actualmente están sendo máis necesarias para facer fronte á pandemia. Hai sectores nos que se multiplicou a demanda de persoal.

Os traballadores e traballadoras que obteñan a acreditación poden facela valer no mercado laboral como certificados oficiais dos coñecementos e capacidades adquiridos a través de anos de experiencia. Isto facilitará ás persoas avanzar e progresar na súa carreira profesional e ás empresas permitiralles optimizar o aproveitamento dos seus recursos humanos.

Galicia atópase á cabeza da formación certificable sendo pioneira en 2011 en impulsar o recoñecemento da competencia profesional a través do que se acreditaron xa a máis de 14.000 galegos e galegas.

As cualificacións que se convocan, na maioría dos casos, son actividades ou profesións que por normativa, debido a razóns de saúde e seguridade, e co obxectivo de garantir un bo servizo aos usuarios, esixen como requisito imprescindible para poder desempeñalas a posesión dun título o certificado de profesionalidade, que acredite a súa experiencia profesional.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre