Inicio Galicia A Xunta abre o prazo de inscrición nunha nova edición de Parlamento...

A Xunta abre o prazo de inscrición nunha nova edición de Parlamento Xove para ESO, bacharelato e universidade

0

A actividade está dirixida ao alumnado de 3º e 4º da ESO, 1º e 2º de Bacharelato e tamén para os estudantes universitarios dos sete campus galegos


A Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado abre o prazo ata o 10 de xaneiro para participar na XI edición do Parlamento Xove. Trátase dun programa de debate que pretende potenciar o diálogo como ferramenta para argumentar as ideas propias entre a mocidade. Está dirixido ao alumnado galego de 3º e 4º de Secundaria, de 1º e 2º de Bacharelato e tamén do alumnado universitario dos sete campus galegos.

Os equipos inscritos en ESO e Bacharelato estarán formados por catro alumnos e un profesor, que será o coordinador. Poderán participar un total de 48 equipos, 24 por cada categoría. O programa realizarase en dúas fases: unha primeira clasificatoria, da que xurdirán oito equipos gañadores e unha segunda na que estes equipos se enfrontarán nunha fase final. A dificultade da actividade está en que só cinco minutos antes de cada encontro dialéctico procederase ao sorteo da postura a adoptar por cada equipo, ‘a favor’ ou ‘en contra’, en relación á cuestión formulada. O tema a debater na fase inicial darase a coñecer a partir do día 9 de decembro.

En canto aos premios os gañadores de cada categoría recibirán unha viaxe valorada en 5.000 euros. Así mesmo, contarán cunha mención especial e cun agasallo os mellores oradores e os mellores artigos de investigación en cada unha das dúas categorías.

No caso dos estudantes universitarios, poderán participar un máximo de oito equipos que deberán estar conformados por un mínimo de dous estudantes e un máximo de catro. A competición contará tamén con dúas fases: unha primeira clasificatoria e unha fase final de eliminación directa. En canto aos premios, o equipo gañadora recibirá unha viaxe valorada en 2.500 euros e os participantes tamén poderán optar a unha mención especial e a un agasallo de mellores oradores.

O obxectivo de Parlamento Xove é fomentar entre a xuventude o diálogo ao tempo que se potencian as habilidades individuais e grupais, mediante a promoción da selección de información, a expresión oral e escrita, as competencias básicas, a orixinalidade, a argumentación razoada, o traballo en equipo e a convivencia. Tamén se fomenta a tolerancia, a toma de conciencia no comportamento democrático e o respecto polas ideas dos demais.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre