Inicio Galicia A Xunta abre o prazo de inscrición nos campos de traballo para...

A Xunta abre o prazo de inscrición nos campos de traballo para o verán 2018

0

A Consellería de Política Social oferta 925 prazas para mozos e mozas galegos, do resto de comunidades autónomas e do estranxeiro, así como para voluntarios procedentes da Galicia exterior

A Xunta de Galicia abre hoxe o prazo para que os mozos e mozas galegos se inscriban nalgún dos campos de traballo ofertados pola Consellería de Política Social.

Trátase dunha iniciativa encamiñada a favorecer e fomentar a convivencia, a participación, a tolerancia e a solidariedade entre a mocidade e o seu contorno a través da colaboración desinteresadas e voluntaria en traballos diversos que se levan a cabo en todas as comunidades autónomas e en distintos países.

Estes proxectos tamén representan unha alternativa de lecer e tempo libre baseada no intercambio de coñecementos e culturas, na práctica de deportes e nas visitas a lugares de interese turístico, histórico ou cultural.

Os campos de traballo en Galicia porán a disposición neste verán 603 prazas para mozos e mozas galegos, do resto de comunidades autónomas e do estranxeiro, así como para voluntarios procedentes da Galicia exterior. Delas, 131 prazas resérvanse para a mocidade galega en primeira convocatoria.

Así mesmo, a mocidade galega poderá asistir a campos de traballo noutras comunidades autónomas e en países como Francia, Alemaña, Bélxica, Italia, Grecia, Países Baixos, República Checa, Estonia, Letonia, Serbia, Ucraína, Islandia, Rusia, Turquía e incluso de fóra de Europa como Armenia, Camboia, China, Filipinas, Hong-Kong, Xapón, Corea do Sur, Taiwan, Nepal, India e México cunha oferta, en primeira convocatoria, de 128 prazas nas distintas CCAA e 194 prazas no estranxeiro á súa disposición (que tamén se pode ver incrementada en segunda convocatoria). Deste xeito, O número total de prazas para galegos en primeira convocatoria acada, así, as 453.

Galicia contará nesta campaña cun total de 28 campos de traballo nos que se realizarán tarefas de tipo medioambiental, arqueolóxicas, de restauración, culturais e patrimoniais, audiovisuais e tarefas propias da organización dun festival.

Os campos de traballo están distribuídos polas catro provincias. Deste xeito, na Coruña desenvolverase esta iniciativa en Coirós, Vedra, Ponteceso, Boqueixón, Curtis, Rois, As Pontes, Outes e A Laracha. Na provincia de Lugo, haberá campos de traballo en Xermade, Guitiriz, A Pobra do Brollón, O Courel, Quiroga, Pantón e Portomarín. En Ourense desenvolveranse na propia capital da provincia, en Vilariño do Conso, Esgos, Muíños e Celanova, e en Pontevedra nos concellos de Cerdedo- Cotobade, Vilanova de Arousa, Agolada e tamén nas Illas Cíes.

Campaña de Verán 2018Esta iniciativa forma parte da Campaña de Verán 2018, xunto cos campamentos para menores de 18 anos, campamentos noutras Comunidades Autónomas, campamentos específicos para persoas con discapacidade, as actividades para maiores de 18 anos, a oferta concertada e a programación para mozos e mozas descendentes de galegos residentes no exterior.

O obxectivo é que os mozos e mozas se divirtan durante o período estival e, ao mesmo tempo, que as actividades que se propoñen sirvan para o seu enriquecemento persoal e vital. Asemade, a programación de verán da Xunta contribúe a facilitar a conciliación da vida familiar e laboral das familias durante a época estival. Así, a oferta total de prazas ascende a 9.870, e o investimento global sitúase en 3,2 millóns de euros, un 8% máis que a anterior edición. 

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre