Inicio Galicia A Xunta abre o prazo de axudas para consolidar os servizos de...

A Xunta abre o prazo de axudas para consolidar os servizos de atención temperá xa existentes e implantar outros novos

0

Increméntase un 45% o montante global das achegas, que acadan os 3 millóns de euros


A Xunta de Galicia abre desde mañá e durante un mes o prazo aos concellos para que se acollan á nova orde de axudas para consolidar os servizos de atención temperá que xa prestan na actualidade, así como para a implantación de novas unidades. Trátase dunha prestación fundamental para identificar e actuar sobre os trastornos que poidan sufrir no seu desenvolvemento nenas e nenos de 0 a 6 anos.

O Diario Oficial de Galicia (DOG) de hoxe publica a convocatoria destas achegas para o ano 2020 por un montante global de 3 millóns de euros, cofinanciado con fondos sociais europeos. Este crédito supón un incremento do 45% con respecto á anterior liña de subvencións, o que permitirá consolidar as 19 unidades de atención temperá que xa están en funcionamento.

Esta nova orde permitirá financiar a posta en marcha de, polo menos, cinco unidades novas por parte das entidades locais. Nesta liña, hai que sinalar que a Rede galega de atención temperá multiplicou por seis a súa extensión nos últimos dez anos, ao pasar de cubrir 15 concellos en 2009 a atender 95 na actualidade.

Esta convocatoria volve fomentar, ao igual que nas anteriores edicións, a xestión compartida deste servizo por parte das agrupacións de concellos. O importe máximo da subvención será de 9000 euros mensuais no caso de que a xestión sexa individual e de 12.000 se é compartida. O obxectivo é incrementar a eficacia e eficiencia na prestación do servizo e impulsar que este se leve a cabo no ámbito municipal, por ser o máis próximo á veciñanza e o que mellor coñece a situación específica da poboación local.

Os servizos de atención temperá realizarán labores de diagnose e valoración dos trastornos de desenvolvemento das nenas e nenos, así como actividades de desenvolvemento psicomotor, cognitivo, da linguaxe e comunicación, e da autonomía. Tamén farán incidencia en aspectos sociais e afectivos, e darán apoio, asesoramento e formación á familia.

Equipo de atención especializadoDestas tarefas ocuparase un equipo interdisciplinar integrado por un mínimo de tres persoas especializadas nalgún dos seguintes graos: pedagoxía, psicopedagoxía, psicoloxía, logoterapia, educación social, traballo social, maxisterio, enfermaría, terapia ocupacional, fisioterapia e medicina.

A Xunta segue a apostar por este modelo baseado na prevención, a identificación e o tratamento precoz para dar respostas ás necesidades específicas que poidan presentar os menores de 0 a 6 anos. A través da atención temperá facilítaselles ferramentas para gañar autonomía xa desde a infancia para que así teñan unha maior calidade de vida cando sexan maiores. Así mesmo, ao actuar antes hai máis opcións de evitar que os trastornos no desenvolvemento perduren no tempo e sexa máis difícil corrixilos.

Ademais destas unidades que financia a Xunta e que xestionan os concellos, Galicia conta con recursos de atención temperá nos hospitais públicos e de tres unidades nas comarcas do Deza, Salnés e Bergantiños que xestiona a Asociación Galega de Atención Temperá (Agat).

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre