Inicio Galicia A Xunta abre o prazo aos centros de ensino para apuntarse na...

A Xunta abre o prazo aos centros de ensino para apuntarse na nova edición do certame de debate ?Parlamento Xove?

0

A iniciativa diríxese ao alumnado de 3º e 4º de Secundaria e de 1º e 2º de Bacharelato

A Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado ten aberto ata o vindeiro 21 de xaneiro o prazo para participar na décima edición do Parlamento Xove, programa de debate que pretende potenciar o diálogo como ferramenta para argumentar as ideas propias entre a mocidade. Está dirixido ao alumnado galego de 3º e 4º de Secundaria e de 1º e 2º de Bacharelato e en total poderán participar 48 equipos, 24 por cada categoría.

A iniciativa consiste nunha competición na que os diversos equipos inscritos, formados por catro alumnos e un profesor que será o coordinador, investigarán, escribirán e debaterán sobre un tema formulado pola organización. O programa realizarase en dúas fases: unha primeira clasificatoria, da que xurdirán oito equipos gañadores, e unha segunda na que estes equipos se enfrontarán nunha fase final. A dificultade da actividade está en que só cinco minutos antes de cada encontro dialéctico procederase ao sorteo da postura a adoptar por cada equipo, ‘a favor’ ou ‘en contra’, en relación á cuestión formulada.

En canto aos premios os gañadores de cada categoría recibirán unha viaxe valorada en 5.000 euros. Así mesmo, contarán cunha mención especial e cun agasallo os mellores oradores e os mellores artigos de investigación en cada unha das dúas categorías.

O obxectivo de Parlamento Xove é fomentar entre a xuventude o diálogo ao tempo que se potencian as habilidades individuais e grupais, mediante a promoción da selección de información, a expresión oral e escrita, as competencias básicas, a orixinalidade, a argumentación razoada, o traballo en equipo e a convivencia. Tamén se fomenta a tolerancia, a toma de conciencia no comportamento democrático e o respecto polas ideas dos demais.

Nas nove edicións que se levan celebradas entre o 2010 e 2018, este programa suma un total de 303 equipos participantes de centros de ensino de toda Galicia e 1547 persoas participantes (1244 alumnos e 303 profesores).

No hay comentarios