Inicio Galicia A Xunta abre mañá o prazo para solicitar as axudas para impulsar...

A Xunta abre mañá o prazo para solicitar as axudas para impulsar proxectos de autoconsumo a través da enerxía fotovoltaica

0
image_gallery.jpg

A convocatoria conta cun orzamento de 4,5 millóns de euros e vai dirixida a empresas, administracións locais e entidades sen ánimo de lucro


A Xunta abre mañá, luns, 21 de setembro, o prazo para solicitar as axudas para que empresas, administracións locais e entidades sen ánimo de lucro impulsen proxectos de enerxía fotovoltaica, unha convocatoria á que se destinan 4,5 millóns de euros e que ten como obxectivo fomentar o autoconsumo eléctrico a través de fontes de enerxía renovable.

O prazo de presentación de solicitudes, en concorrencia non competitiva, finalizará o 1 de decembro. Cando o beneficiario sexa unha entidade sen ánimo de lucro ou unha empresa ou autónomo, a solicitude das axudas presentarase a través das entidades colaboradoras.

Con estas axudas financiarase a instalación de paneis solares fotovoltaicos; sistemas para o acondicionamento da enerxía eléctrica, de monitorización ou de acumulación con baterías (reguladores de cadros eléctricos, convertedores, sensores, cableado, equipamentos de medidas, elementos de interconexión ou de comunicación remota, etc.); o resto de accesorios da instalación para o seu correcto funcionamento e o custo da montaxe e da conexión.

Estas axudas están cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, no marco do Programa Operativo Feder Galicia-2014-2020. A contía máxima por proxecto para empresas e entidades locais será de 40.000 euros e de 25.000 euros para as entidades sen ánimo de lucro.

A fotovoltaica é unha enerxía renovable cun reducido impacto ambiental que, polo seu carácter de recurso autóctono, favorece a redución de emisións de CO², o autoabastecemento e a seguridade na subministración a prezos competitivos. En definitiva, o obxectivo destas axudas é apoiar proxectos que incidan no aforro e na eficiencia enerxética a partir de fontes renovables, que é un dos compromisos da Xunta para contar cada vez cunha Galicia máis verde.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre