Inicio Galicia A Xunta abre mañá o prazo de solicitude das axudas para impulsar...

A Xunta abre mañá o prazo de solicitude das axudas para impulsar a Industria 4.0 a través da contratación de 140 mozos e mozas menores de 35 anos

0

A Consellería de Economía, Emprego e Industria inviste neste programa pioneiro 2M€ que permitirá especializarse e acceder ao mercado laboral a persoas con titulación universitaria ou de técnico superior de FP


A Consellería de Economía, Emprego e Industria impulsará, a través do Igape, abre mañá o prazo de solicitude do programa pioneiro co que se busca impulsar a Industria 4.0 a través da contratación de 140 mozos e mozas menores de 35 anos. O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a iniciativa destinada á especialización e o acceso ao mundo laboral dos menores de 35 anos con titulación universitaria ou de técnico superior de formación profesional (FP).

A través desta liña de axudas, denominada Profesionais 4.0, e dotada con dous millóns de euros, incentivarase a contratación e a formación destes profesionais por parte das empresas, autónomos con dous ou máis empregados e as asociacións, fundacións ou clústeres, para a realización de plans que garantan o seu avance competitivo no eido da Industria 4.0.

As iniciativas de mellora poderán desenvolverse en áreas tan variadas como a optimización financeira, a profesionalización da produción e a cadea loxística, o desenvolvemento de procesos e sistemas de xestión da calidade, a identificación e posta en marcha de redes de cooperación e socios, a aposta polo capital humano, o asesoramento integral ao proceso emprendedor, a dixitalización ou creación de contidos dixitais e a incorporación efectiva de tecnoloxía, entre outros.

O prazo de solicitude para optar a estes apoios rematará o próximo 7 de outubro. A porcentaxe da axuda poderá acadar o 75% da retribución bruta do período subvencionable, cun límite de ata 16.000 euros, e cada entidade poderá optar a un máximo de cinco contratos incentivados, cunha duración dun ano cada un.

A iniciativa enmárcase na nova Axenda 4.0, para cuxo desenvolvemento a Xunta destinará 350 millóns de euros entre 2019 e 2022 e que ten como principais obxectivos anticiparse aos cambios do novo modelo, aumentar o tamaño das empresas, favorecer a aposta polo talento dixital e contribuír á reinvención do tecido industrial galego e á súa especialización desde o punto de vista tecnolóxico, retos todos eles que se poderán lograr a través do novo programa.

De feito, Profesionais 4.0 súmase a distintas iniciativas impulsadas pola Administración autonómica para favorecer a retención de talento na Comunidade e o desenvolvemento da carreira profesional da xente moza, ao tempo que se estimula a súa incorporación ao tecido empresarial, mellorando así a súa competitividade. Entre estas iniciativas destaca o Principia; a través da súa cuarta convocatoria, a Axencia Galega de Innovación (Gain) apoia a contratación de 110 persoas mozas cualificadas de ata 35 anos de idade para a realización de actividades de I+D+i en 77 empresas e organismos de investigación de Galicia.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre