Inicio Galicia A Xunta abre hoxe o prazo para que os concellos presenten proxectos...

A Xunta abre hoxe o prazo para que os concellos presenten proxectos de mellora de camiños no Plan marco, que investirá en Lugo 3 millóns de euros

0

O delegado territorial, José Manuel Balseiro, explicou que a Consellería do Medio Rural financia o acondicionamento de vías municipais que dean acceso a parcelas agrarias


A Xunta de Galicia abre hoxe o prazo para que os concellos presenten os seus proxectos ao abeiro do Plan marco de mellora de camiños municipais para os anos 2020 e 2021. A Consellería do Medio Rural investirá na provincia de Lugo 3 millóns de euros que xestionará a través da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader), distribuídos ao 50% en cada unha das anualidades.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, explicou hoxe que os concellos dispoñen dun mes de prazo para entregar a documentación. As achegas van destinadas a facilitarlles a ampliación, mellora ou mantemento dos camiños municipais que dan acceso a parcelas agrícolas, incluíndo tanto actuacións que supoñan un incremento da largura da vía como o reforzo do firme e terrapléns, entre outras.

Este plan beneficia a todos os concellos, que xa coñecen a contía asignada segundo se recolle na orde de convocatoria. A distribución dos recursos seguiu un criterio consensuado coa Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), partindo dun importe fixo por concello, habitante e entidade de poboación, e dentro duns límites de máximos e mínimos co fin de garantir unha repartición equitativa. A provincia de Lugo é a segunda que maior orzamento recibe, só por detrás da Coruña.

En función destes criterios, os concellos que reciben as maiores contías dentro da provincia son Vilalba (78.086 euros), Friol (75.797 euros) e A Fonsagrada (73.720 euros). A asignación media ascende a preto de 46.000 euros.

Balseiro afirmou que as infraestruturas rurais “xeran cohesión social e territorial, mellorando as condicións de vida e traballo no medio rural, e contribúen ao aumento da competitividade agraria e forestal”.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre