Inicio Galicia A Xunta abre en Vilalba o espazo Emprende para que a mocidade...

A Xunta abre en Vilalba o espazo Emprende para que a mocidade desenvolva proxectos empresariais con formación e asesoramento

0

A responsable do departamento autonómico destacou a importancia de dar ferramentas aos mozos e mozas para que os seus negocios e ideas axuden a dinamizar a economía do municipio

A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado da Xunta de Galicia, Cecilia Vázquez Suárez, presentou hoxe o Espazo Emprende en Vilalba. Ubicado no Espazo Xove, é un coworking dinámico e polivalente para que os mozos e mozas dispoñan non só dun espazo para pór en marcha os seus negocios e ideas senón tamén de medios, asesoramento e formación.

Con esta iniciativa, a Consellería de Política Social pretende apoiar á xuventude no inicio dos seus proxectos empresariais nos aspectos claves para a súa futura viabilidade, como son as fórmulas para a constitución das empresas, o acceso ao financiamento ou a mercadotecnia, pero tamén no seu desenvolvemento e crecemento xa que un equipo de profesionais os acompañarán a través dun seguimento continuado e de accións formativas adaptadas, titorización e coaching persoal. Os interesados en acudir á formación, que comezará o vindeiro día 20, xa se poden inscribir a partir de hoxe e ata o día anterior ao inicio da mesma na páxina web da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado.

Leer más:  Un hombre de 80 años fallece por ahogamiento en la playa de Caldebarcos, en Carnota (A Coruña)

Cecilia Vázquez animou aos mozos e mozas de Vilalba a utilizar este espazo e as ferramentas a súa disposición. “Queremos que sexa un lugar de encontro, de coñecemento, de información e de creación de inercias e ideas e tamén de formación en habilidades, co obxectivo de que a mocidade se converta en protagonista e motor da dinamización económica de Vilalba e a súa contorna”, sostivo.

A responsable do departamento autonómico tamén destacou entre as actuacións que se porán en marcha para axudar aos emprendedores novos os encontros sectoriais co fin de crear unha dinámica de diálogo e coñecemento tanto entre a propia xuventude como cos axentes económicos do territorio. “Estas relacións estableceranse coas empresas galegas pero tamén coas lusas para reforzar o achegamento dos mozos e mozas á realidade destes dous tecidos empresariais e que poidan valorizar os seus recursos e potencialidades”, sinalou.

Xunto co centro de Vilalba, Galicia contará cunha rede de Espazos Emprendedores, emprazados en Carballo, Curtis, Noia, Pontedeume, Ourense, Chantada, Carballo, Viveiro, Lalín, Tui e Vilagarcía de Arousa, aínda que esta rede alcanzará tamén o norte de Portugal a través da Oficina transfronteiriza de información xuvenil Galicia – Norte de Portugal sita en Verín e os centros de atención cos que conta o Instituto Portugués do Deporte e da Xuventude e a Federación Nacional de Asociacións Xuvenís Portuguesas en Minho- Lima, Cádavo, Ave, Grande Porto, Támega e Alto Tras os Montes.

Leer más:  Queremos Galego convoca una manifestación para el 17 de mayo en protesta por los "retrocesos" en el 20 aniversario del Plan de Normalización

Os Espazos Emprende enmárcanse no proxecto LIDERA, Catalizador de oportunidades de emprego e emprendemento xove transfronteirizo (acrónimo LIDERA), que forma parte da actividade Crece para impulsar o traballo xuvenil en rede. Este proxecto foi aprobado ao abeiro do programa Interreg V A España Portugal 2014-2020 (POCTEP) e conta cun orzamento de 1.428.692, 93 euros cunha financiación dun 75 % de fondos Feder e unha duración de catro anos (2016-2019).

Son socios do proxecto: a Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, a Fundación Galicia Europa, a Cámara Oficial de Comercio, Industria, Servicios e Navegación de Santiago de Compostela, a Asociación Comercial de Emprendedores de Galicia (Ascega), o Instituto Português do Desporto e da Juventude (IPDJ), a Federación Nacional de Asociaciones Juveniles Portuguesas (FNAJ) e a Comunidade Intermunicipal do Ave.  


- Te recomendamos -