Inicio Galicia A Xunta abre a convocatoria dunha nova liña de subvencións de impulso...

A Xunta abre a convocatoria dunha nova liña de subvencións de impulso ao sector escénico cunha dotación de 500.000 euros

0
image_gallery.jpg

Con esta medida do Plan de reactivación dos sectores cultural e turístico, elévase a máis de 1,5 millóns de euros o investimento extraordinario realizado ata o momento no ámbito das artes escénicas para paliar os efectos da crise sanitaria


A Xunta pon en marcha hoxe, a través da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, unha nova liña de subvencións para o impulso ao sector escénico, a través da que se investirán 500.000 euros nas compañías e nas salas de exhibición para o fomento de residencias artísticas. Trátase dunha das medidas específicas do Plan de reactivación dos sectores cultural e turístico co obxectivo de achegarlles un apoio extra ás empresas escénicas á hora para enfrontar os efectos da crise sanitaria.

Con esta convocatoria en réxime de concorrencia competitiva, elévase a máis de 1,5 millóns de euros o investimento extraordinario no ámbito das artes escénicas canalizado ata o momento a través das novas iniciativas recollidas no devandito plan, entre as que tamén se atopan o Fondo de Proxectos Culturais Xacobeo 2021 ou o programa Cultura no Camiño +. Ao tempo e co mesmo fin de contribuír á recuperación da actividade neste ámbito, estanse a flexibilizar e adaptar as habituais convocatorias de subvencións á creación escénica, festivais, salas e distribución, así como as programacións da Rede Galega de Teatros e Auditorios e do Centro Dramático Galego, entre outras.

Tres modalidades para salas e compañíasNeste caso, o orzamento de 500.000 euros distribuirase entre tres modalidades de proxectos de residencias artísticas a desenvolver entre os anos 2020 e o 2021: 300.000 euros para a reactivación de espectáculos de teatro, novo circo e maxia, 100.000 euros para propostas presentadas por salas escénicas de titularidade privada e outros 100.000 euros para compañías de danza, ás que se lles dedica unha atención específica seguindo a liña doutras convocatorias de axudas e programas promovidos pola Consellería de Cultura e Turismo a través das Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic).

Nas tres categorías subvencionarase ata o 80% do orzamento das propostas, establecéndose unha contía máxima de 40.000 euros por beneficiaria para as que presenten as salas escénicas e de 15.000 euros para as compañías. O prazo de solicitude esténdese ata o vindeiro 28 de setembro a través da sede electrónica da Xunta.

Concertos musicais e funcións escénicasO DOG de hoxe publica, así mesmo, outra convocatoria de subvencións ao abeiro do Plan de reactivación do sector cultural mediante a que se achegan 160.000 euros á realización de concertos fóra de Galicia e de funcións escénicas tanto dentro como fóra da nosa Comunidade desde primeiros de ano e ata o vindeiro 31 de outubro.

Cofinanciaranse así os gastos nos que incorren as empresas culturais con motivo do desenvolvemento de actuacións e xiras no exterior. Ao mesmo tempo, compleméntase a convocatoria anual de axudas á distribución para as industrias culturais, que en 2020 modificou as súas bases para contribuír a axilizar o financiamento de actividades executadas con anterioridade ao estado de alarma, concretamente as que tiveron lugar entre o 1 de novembro de 2019 e o 12 de marzo de 2020. A través dela, deuse resposta a todas as solicitudes recibidas, apoiando 67 iniciativas de proxección interior e exterior das artes escénicas e da música de Galicia.

O prazo de solicitude destas novas axudas para a realización de funcións esténdese tamén ata o 28 de setembro. A súa concesión segue un procedemento abreviado por concorrencia non competitiva, atendendo todas aquelas propostas que reúnan os requisitos esixidos ata finalizar o prazo ou, no seu caso, ata esgotar o orzamento dispoñible.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre