Inicio Galicia A Xunta abre a convocatoria do programa Educación Responsable para o desenvolvemento...

A Xunta abre a convocatoria do programa Educación Responsable para o desenvolvemento da educación emocional

0

Conta coa colaboración da Fundación Botín


A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional acaba de publicar a convocatoria do programa Educación Responsable: programa para o desenvolvemento da educación emocional, social e da creatividade, para o curso 2019/20, que se realiza en colaboración coa Fundación Botín. O programa é unha proposta para tres cursos, co fin de que os centros e os seus docentes implementen o programa formando parte da rede de Centros Educación Responsable da Comunidade Autónoma Galega, recibindo formación, recursos educativos e seguimento por parte tanto da Consellería como da Fundación.

Poderán participar nesta convocatoria os centros docentes públicos que impartan ensinanzas de educación infantil, educación primaria, educación secundaria obrigatoria (ESO) e formación profesional básica (FP básica). O obxectivo é promover o desenvolvemento saudable do alumnado, a partir do traballo co profesorado, co alumnado e coas familias, favorecendo o desenvolvemento da educación emocional, social e creativa para acadar un maior benestar persoal, social e laboral. Así mesmo a iniciativa procura contribuír á mellora do clima de convivencia no centro docente e ao éxito escolar do seu alumnado.

Os centros que se unan ao programa farano a través da participación na convocatoria dos Proxectos de Formación en Centros (PFPP). Educación Responsable desenvolverase nos centros educativos ao longo de tres cursos escolares. O obxectivo do primeiro curso de implementación é que o Equipo de Educación de Responsable de cada centro participante coñeza as ferramentas didácticas propias da educación emocional e social, así como a súa aplicación na aula.

Na segunda fase, de expansión que se desenvolverá no ano académico 2020/21, o centro participante asumirá este programa como unha liña prioritaria dentro do seu Proxecto educativo. Con este obxectivo, os responsables de recursos de Educación Responsable forman ao resto dos docentes programando e aplicando as actividades de forma colaborativa, estendendo o programa a un maior número de alumnado. A fase de consolidación, no curso 2021/22, ten como obxectivo que o centro docente utilice de forma autónoma as metodoloxías, técnicas e actividades e sexa quen de elaborar outras novas, incluíndo obxectivos propios do crecemento emocional, social e creativo do alumnado. Para iso, será necesario que a maioría dos docentes do centro docente incorporen nas súas programacións de aula actividades do programa de Educación Responsable e que se aplique a totalidade dos recursos do programa coa maior parte do alumnado.

Os centros que cumpran os obxectivos establecidos no programa serán acreditados e pasarán a formar parte da Rede de Centros do Programa de Educación Responsable. A solicitude de participación realizaraa a persoa encargada da dirección do centro docente, segundo os requerimentos especificados na convocatoria. O prazo de presentación de solicitudes remata o día 29 de maio de 2019.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre