Inicio Galicia A Xunta abre a 2ª edición de O teu Xacobeo coa que...

A Xunta abre a 2ª edición de O teu Xacobeo coa que acada 8 M? para poñer en marcha proxectos de todos os galegos

0

O conselleiro de Cultura e Turismo asistiu hoxe no CEIP Barouta de Ames á Semana Escolar do Camiño, onde o alumnado se achega ao fenómeno xacobeo

O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, visitou hoxe o CEIP Barouta onde o alumnado está a participar na Semana Escolar do Camiño de Santiago, un proxecto impulsado pola editorial Versátil co apoio da Xunta de Galicia a través de O teu Xacobeo que permite que os alumnos de quinto e sexto de Educación Primaria se acheguen á Ruta Xacobea.

Na súa visita, o titular de Cultura e Turismo anunciou a apertura da segunda convocatoria de este programa dotada con 3,3 millóns de euros e que se publica hoxe no Diario Oficial de Galicia. Román Rodríguez subliñou que o obxectivo desta convocatoria é “descentralizar a celebración do Ano Santo para que chegue a todos os concellos e incentivar a participación cidadá”.

Neste sentido, habilitaranse tres liñas diferenciadas. A primeira delas, que conta cun orzamento de 500.000 euros, está destinada a entidades locais nas que se dará prioridade aos municipios de menos de 50.000 habitantes. A segunda liña, dotada cunha achega de 1 millón de euros, permitirá impulsar os proxectos de pemes e particulares. E a última das liñas permitirá, grazas a 1,8 millóns de euros, que boten a andar as propostas nacidas de entidades públicas ou privadas sen ánimo de lucro.

Máis de 300 proxectosNa primeira convocatoria de O teu Xacobeo foron concedidos máis de 300 proxectos, dos cales o 41% xa se realizaron ou están en marcha neste momento, como o realizado no CEIP Barouta de Ames. Nesa edición o orzamento destinado pola Xunta de Galicia foi de 4,7 millóns e coa apertura desta nova edición xa son 8 os millóns achegados polo Goberno galego para a posta en marcha de proxectos de toda a sociedade.

Ademais de fomentar a participación, O teu Xacobeo tamén está a permitir que a Administración autonómica avance no seu obxectivo de descentralizar o Camiño de Santiago e que o vindeiro Ano Santo se sinta en toda Galicia. De feito, grazas á primeira convocatoria, levaranse a cabo iniciativas nas catro provincias e o Xacobeo estará presente en máis de 140 concellos galegos.

Participación de 20.000 escolaresUnha das iniciativas levadas a cabo nesa primeira convocatoria é precisamente a Semana Escolar do Camiño de Santiago á que o conselleiro de Cultura e Turismo asistiu hoxe. Trátase dunha iniciativa que se leva a cabo de xeito simultáneo en 352 centros públicos de Galicia e na que participaron 20.000 escolares.

A Semana Escolar está estruturada en torno a un programa que inclúe múltiples actividades e propostas de aproveitamento nas diferentes materias que permiten afondar nos coñecementos do alumnado sobre os valores e a riqueza do Camiño. Deste xeito, o profesorado e o alumnado participante pode investigar e aprender sobre o Camiño Francés a través da lectura de A Ecopanda e o Misterio do Románico, un libro escrito polo autor de literatura infantil e xuvenil, José Antonio Perozo, e ilustrado por Viki Berre.

Esta obra relata a aventura de Marta, Xiana, Henrique, Álvaro e Xaime. Un grupo de adolescentes que deciden investigar uns estraños roubos de arte acontecidos en diversos puntos do Camiño Francés. A través da súa andaina, os lectores poden coñecer o patrimonio cultural e artístico de diversos lugares que conforman esta ruta de peregrinación.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre