Inicio Galicia A Xunta, a Deputación de Ourense e os municipios transfronteirizos impulsan unha...

A Xunta, a Deputación de Ourense e os municipios transfronteirizos impulsan unha declaración institucional en apoio á autovía entre o Nordeste de Portugal a A-52 e a estación do AVE da Gudiña

0

Trátase de promover a construción, por parte dos gobernos de España e Portugal, dunha autovía por Macedo de Cavaleiros-Vinhais-A Gudiña, con posibilidades de aproveitar o financiamento europeo para as infraestruturas transfronteirizas

A Xunta de Galicia, a Deputación Provincial de Ourense e os municipios transfronteirizos impulsan unha declaración institucional en apoio á Autovía entre o Nordeste de Portugal, a A-52 e a estación do AVE da Gudiña. A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade rubrica este documento en representación do Goberno galego.

A ‘Declaración institucional de apoio e impulso á conexión internacional transfronteiriza por autovía entre Macedo de Cavaleiros-Vinhais-A Gudiña’ está respaldada, en Galicia, pola Xunta, a Deputación Provincial de Ourense e os municipios da Gudiña, Riós, Cualedro, A Mezquita, Monterrei, Verín, Viana do Bolo, Vilardevós e Vilariño de Conso.

Por parte de Portugal, asinan a Declaración as cámaras municipais de Vinhais, Miranda do Douro, Mirandela, Macedo de Cavaleiros, Alfandega da Fé, Mogadouro e Vila Flor.

O obxectivo desta actuación conxunta é promover a execución, por parte dos Gobernos de España e Portugal, dunha autovía que, partindo do municipio luso de Macedo de Cavaleiros, chegue ata a Autovía das Rías Baixas e a estación do AVE do concello galego da Gudiña, facilitando o acceso de todo o Nordeste do país luso á liña de alta velocidade entre Galicia e Madrid.

Estímase que, para a execución desta infraestrutura, os gobernos de España e Portugal poden acollerse a programas de financiamento cos que a UE impulsa as infraestruturas transfronteirizas.

Os asinantes consideran que, deste xeito, se reforzaría en gran medida a competitividade da Eurorrexión, ofrecéndolles aos concellos “unha oportunidade para mellorar as conexións co resto de España e Portugal a través da rede de alta velocidade, o que supón unha ocasión única para incrementar as vantaxes competitivas necesarias para o progreso do nordeste luso e este ourensán”.

Desa forma, a nova autovía reforzaría a competitividade da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal e facilitaría o acceso á Autovía das Rías Baixas e ao AVE Madrid-Galicia a unha poboación de 200.000 cidadáns.

Con esta Declaración institucional materialízase o traballo conxunto que veñen realizando desde hai tempo os municipios transfronteirizos para promover esta conexión, para o que recabaron o apoio da Xunta de Galicia e da Deputación Provincial de Ourense.

O documento será trasladado aos gobernos de España e Portugal, solicitando o impulso pola súa banda desta nova conexión internacional.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre