Inicio Galicia A XIII Xornada Xustiza e Lingua analiza o paso do uso social...

A XIII Xornada Xustiza e Lingua analiza o paso do uso social ao uso procesual do galego nos xulgados

0

O secretario xeral de Política Lingüística participou na inauguración desta actividade formativa para profesionais do Dereito

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, compartiu este serán con Francisco J. Rabuñal, decano do Colexio de Avogados de Santiago de Compostela, a mesa inaugural da XIII Xornada Xustiza e Lingua, que se celebrou no salón de actos do dito Colexio de Avogados.

Valentín García anunciou que “non tardará en estar a disposición de todos os xulgados galegos o novo programa de xestión Minerva Web, con versión na lingua propia de Galicia grazas á colaboración da Xunta co Ministerio de Xustiza”, algo que responde “a unha necesidade longamente sentida” e que “redundará sen dúbida nun maior uso do galego nos procedementos xudiciais”.

Tras o acto de apertura tivo lugar e mesa redonda A presenza do galego na xustiza: do uso social ao uso procesual, na que interviñeron Andrés Lago Louro, xuíz decano de Santiago de Compostela; Isabel Castillo González, avogada do colexio compostelán, e Suso de Toro, escritor.

A Xornada Xustiza e Lingua, que chega, con esta, á súa XIII edición, é froito do convenio de colaboración entre a Consellería de Cultura e Turismo e o Colexio de Avogados de Santiago de Compostela en materia de normalización lingüística. Diríxese a profesionais da xustiza e dos servizos lingüísticos, estudantado e persoas interesadas en xeral. O seus obxectivos son promover a reflexión acerca do proceso de normalización lingüística no ámbito da xustiza; ofrecer experiencias positivas e novas perspectivas que favorezan o uso do galego no exercicio xurídico; avaliar o nivel de incidencia das accións encamiñadas a asentar e potenciar a lingua galega no eido xudicial; analizar o marco xurídico da lingua galega e estudar o seu nivel de aplicación real, e mais abordar o desenvolvemento dun modelo propio de linguaxe xurídica galega baseado na súa calidade e funcionalidade.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre