Inicio Galicia A Vicepresidencia segunda incrementa o seu Orzamento para 2021 nun 58% para...

A Vicepresidencia segunda incrementa o seu Orzamento para 2021 nun 58% para impulsar a reactivación da economía galega e seguir avanzando na dixitalización, a innovación e a transición ecolóxica

0

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, presentou esta mañá no Parlamento de Galicia as contas para o próximo ano, que alcanzan os 512 millóns de euros

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, presentou esta mañá no Parlamento de Galicia os orzamentos do departamento que dirixe para o vindeiro ano 2021, que se incrementan nun 58% con respecto ao do pasado ano ata alcanzar os 512M€, para impulsar a reactivación da economía galega e seguir avanzando na transición dixital e ecolóxica.

De feito, os orzamentos estrutúranse en catro eixes transversais que impulsarán un crecemento sólido e de longo alcance para crear cadeas de valor no tecido produtivo das que poidan formar parte autónomos e pemes. Trátase da transición dixital, o impulso a un maior apoio financeiro, a transición ecolóxica e a aposta polo talento.

Tal e como explicou son unhas contas ambiciosas pero realistas que se axustan ao complexo escenario económico actual para que o extraordinario nivel de gasto e de investimento que contemplan se traduza en competitividade industrial, medidas de acompañamento para pemes e autónomos, apoio para os sectores máis castigados e un impulso á dixitalización e á economía verde que redunde nunha mellora da calidade de vida de todos os galegos e galegas.

O vicepresidente segundo, que incidiu en que a prioridade é velar pola seguridade e a saúde dos galegos, explicou que a transición ecolóxica e dixital modernizarán o tecido industrial galego impulsando un crecemento verde, inclusivo e social. Conde subliñou que para conseguilo Galicia contará tamén cos fondos europeos de recuperación e coa Lei de reactivación económica de Galicia que se activará nos primeiros meses do vindeiro ano.

Transición dixitalAs medidas para abordar a transformación do tecido produtivo a través das novas tecnoloxías contarán con 206M€ de orzamento que terán como obxectivo contar cunha Galicia máis innovadora e competitiva. Na busca deste fin, a Axencia Galega de Innovación (Gain) contará coa partida máis alta da súa historia ata alcanzar os 126,7M€ para incrementar, por exemplo, a capacidade innovadora das pemes galegas; impulsar iniciativas estratéxicas de I+D (45M€ para os Hubs de Innovación Dixital o programa Fábrica Intelixente); e apoiar sectores emerxentes como o biotecnolóxico, para o que se reservan máis de 11M€ ou o aeroespacial que recibirá 20M€.

A dixitalización tamén se impulsará desde o Igape -que duplica os seus fondos- para reforzar a innovación industrial con programas como os Centros de Fabricación Avanzada; acompañar ás empresas na súa internacionalización e mellorar a súa competitividade.

No eido do comercio tamén se incidirá na dixitalización e internacionalización, especialmente axudando ao comercio de proximidade e aos obradoiros de artesanía no seu salto dixital a través de 13,5M€. Na área de Comercio destacan os 7,65M€ para ampliar de novo o Ifevi e consolidar este recinto como un referente no seu ámbito.

Apoio financeiroA Xunta acompañará esta modernización con mecanismos de financiamento multiplicando por tres os fondos para este tipo de instrumentos ata chegar aos 187M€. Galicia reforza, deste xeito, o apoio financeiro destinado a pemes, autónomos e sectores más castigados pola crise para impulsar novos investimentos industriais que permitan ter unha Galicia con máis futuro.

En concreto, crearanse dous fondos con 60M€ coordinados por XesGalicia para apoiar grandes proxectos cun efecto tractor sobre pemes e autónomos e a transformación do tecido produtivo poñendo o foco en sectores que precisen reinventarse como consecuencia da covid-19.

Transición ecolóxicaO reto da transición ecolóxica contará con 87M€, o que supón un crecemento do 50% con respecto a 2020 para fomentar a economía circular e a bioeconomía e conseguir unha Galicia máis verde.

O Inega contará cun 33% máis de orzamento e multiplicará por cinco a súa aposta polo aforro e a eficiencia enerxética e a incorporación das enerxías renovables na industria galega (16M€). Mentres que a Axencia Galega da Industria Forestal (Xera) contará cunha partida que medra nun 70% para seguir fomentando un mellor aproveitamento dos nosos recursos naturais, como é o caso da madeira. Así destinaranse 4M€ aos programas para favorecer a construción en madeira e reservaranse partidas para reforzar o equipamento e actividade do CIS Madeira.

TalentoA aposta polo talento recibe 24M€ para conseguir que a economía galega creza sobre a base do coñecemento, poñendo o foco nas persoas e, deste xeito, poder contar cunha Galicia máis preparada e máis emprendedora. Apostando pola formación, o emprego cualificado e a captación e retención de talento, Galicia contribúe a xerar unha economía de maior valor engadido. Programas como Talento 2018-2021, Profesionais 4.0 ou o Ignicia teñen continuidade nestes orzamentos, xunto coa rede de aceleradoras StartIN Galicia que suma a Business Factory Medicines, aceleradora para o descubrimento de novos fármacos que se pon en marcha cun programa de incubación de proxectos de loita contra o cancro.

Conde finalizou subliñando que cada euro deste orzamento ten como único obxectivo a reactivación económica e como único beneficiario aos galegos e galegas. 

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre