Inicio Galicia A Unidade Mixta ?Eixo?, na que a Xunta colabora con Finsa e...

A Unidade Mixta ?Eixo?, na que a Xunta colabora con Finsa e USC, contribuirá á economía circular no sector forestal

0

O obxectivo central desta alianza estratéxica é mellorar os procesos de transformación da madeira e o desenvolvemento de novidosos produtos e sistemas construtivos con baixa pegada de carbono para a súa aplicación nunha construción eficiente enerxeticamente


A directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Patricia Argerey, participou esta mañá na presentación en Lugo da Unidade Mixta Economía Circular da madeira cara unha construción baixo-enerxética (Eixo), na que participan a empresa madereira Finsa e a Universidade de Santiago de Compostela, a través da Plataforma de Enxeñaría da Madeira Estrutural (Pemade), coa colaboración da Xunta.

Esta alianza estratéxica entre empresa e universidade conta cun orzamento total de 2,15 millóns de euros de investimento público-privado, cofinanciado a través do programa Feder Galicia 2014-2020, para desenvolver oito liñas de investigación no período 2018-2021 enfocadas a desenvolver modelos de economía circular vencellados ao sector forestal, mellorando os procesos de transformación da madeira e desenvolvendo novidosos produtos (produtos ecoinnovadores de altas prestacións en madeira) e sistemas construtivos de baixa pegada de carbono para a súa aplicación nunha construción eficiente enerxeticamente.

A directora de Gain destacou que as liñas de investigación desta Unidade Mixta achegarán valor e contribuirán a un modelo de construción limpo e respectuoso co medio ambiente, a través da transferencia dos resultados da investigación á industria, aportando innovacións e desenvolvementos tecnolóxicos en toda a cadea de valor do sector forestal: dende a obtención da madeira no monte, a súa transformación, valorización, integración en elementos estruturais para a construción, ata a reciclaxe dos materiais ao final da súa vida útil.

Nesta liña, Argerey subliñou o compromiso da Xunta de Galicia cunha “Galicia verde e innovadora” que avogue pola eficiencia enerxética e a I+D+i para mitigar as consecuencias do cambio climático. Unha filosofía que comparten a Axencia Galega de Innovación e a Axencia Galega da Industria Forestal (Xera) e que precisamente a Unidade Mixta Eixo avanza un paso máis, contribuíndo a impulsar a transferencia da I+D+i ao tecido empresarial e desenvolvendo unha economía circular vencellada á industria forestal. Na consecución deste reto, Argerey destacou o saber facer de Finsa no desenvolvemento de produtos de alto valor engadido e o coñecemento da Universidade de Santiago de Compostela, a través da súa Plataforma de Enxeñaría da Madeira Estrutural (Pemade).

Finalmente, Patricia Argerey pechou a súa intervención destacando o peso da industria da madeira na economía galega e o seu papel como referente a nivel nacional e, cada vez máis, internacional e conectouno co apoio a esta Unidade Mixta, que reforza o compromiso da Xunta coa Galicia rural e cos sectores máis tradicionais da economía galega.

Balance das Unidades Mixtas de InvestigaciónEixo vén sumarse ás 39 Unidades Mixtas que se teñen creado desde 2014 en Galicia, nas que, cun investimento mobilizado de 114M€, participan 33 empresas e 13 organismos de investigación, que teñen empregado a preto de 580 profesionais.

As Unidades Mixtas son alianzas estratéxicas entre organismos de investigación e o tecido empresarial para desenvolver a través da colaboración público-privada proxectos de I+D+i aliñados cos retos e prioridades da Estratexia de Especialización Intelixente de Galicia, RIS3 Galicia.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre