Inicio Galicia A Unidade Mixta Airus de Everis e ITG presenta os avances logrados...

A Unidade Mixta Airus de Everis e ITG presenta os avances logrados co apoio da xunta na xestión do tráfico aéreo de vehículos non tripulados

0
image_gallery.jpg

Posta en marcha en 2018 por everis Aeroespacial, Defensa y Seguridad e o Instituto Tecnolóxico de Galicia (ITG), esta iniciativa ten un orzamento de preto de 2,2 millóns de euros e nela están a traballar 16 enxeñeiros


A directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Patricia Argerey, asistiu esta semana á demostración dos dous primeiros módulos da Unidade Mixta de Investigación AIRUS (Automatic Intelligent SeRvices for U-Space), promovida polo Instituto Tecnolóxico de Galicia (ITG) e a multinacional tecnolóxica everis Aeroespacial, Defensa y Seguridad (everis ADS), que ten como obxectivo facilitar a integración eficiente e segura dos drons no espazo aéreo, o coñecido como entorno U-Space. A iniciativa, posta en marcha co apoio da Xunta en 2018, conta cun orzamento total de preto de 2,2 millóns de euros e é cofinanciada nun 30% pola Administración autonómica a través do Programa Operativo FEDER Galicia 2014-2020.

Representantes de everis ADS e o ITG amosaron o funcionamento da primeira versión da suite (paquete de aplicacións software) de microservizos de xestión de tráfico de vehículos non tripulados (UAV) de alto valor engadido, na que están a traballar 16 enxeñeiros de ambas as dúas entidades co fin de xestionar dun xeito seguro o tráfico de UAV. Concretamente, os módulos que se desenvolveron son un simulador/xerador de tráfico UTM (sistema de coordenadas universal) e unha plataforma web de xestión e provisión de información aeronáutica.

Esta solución avanzada, que abre oportunidades de negocio e ofrece solucións innovadoras tanto en Galicia como a nivel global, permitiulle ao consorcio posicionarse a nivel internacional no ámbito do U-Space, no que se teñen presentado a múltiples licitacións e captado fondos a través de convocatorias como a rede Cervera.

AIRUS súmase a outros proxectos que a Xunta está a levar a cabo no marco do Polo Aeroespacial de Galicia para avanzar na xestión segura do tráfico aéreo. Neste ámbito, destaca a colaboración con Boeing para desenvolver solucións no eido da xestión e da seguridade do tráfico aéreo, e a consulta preliminar do mercado lanzada a comezos de ano polo Centro para el Desarrollo Tecnológico Industrial (CDTI) en colaboración con Gain para o desenvolvemento de tecnoloxía no ámbito dos entornos de simulación U-Space a poñer en marcha no Centro de Investigación Aeroportada de Rozas (CIAR), cuxa licitación se publicará proximamente.

A empresa everis ADS informou ademais á Xunta sobre as súas capacidades e experiencia no sector dos vehículos non tripulados, así como os proxectos europeos nos que está participando. Así mesmo, presentou cinco propostas para evolucionar AIRUS á consulta preliminar do mercado para definir a continuidade do Polo Aeroespacial de Galicia entre 2021 e 2025, así como á consulta previa á licitación para desenvolver un simulador U-Space en Rozas en consorcio con Boeing Research & Technology Europe.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre