Inicio Galicia A secretaría xeral para o Deporte publica a convocatoria de subvencións para...

A secretaría xeral para o Deporte publica a convocatoria de subvencións para clubs deportivos que medra un 2% con respecto a 2018 ata chegar aos 1.960.000 euros

0

Como novidade cómpre salientar que dentro dos criterios a valorar puntuarase o desenvolvemento de actuacións en prol da igualdade efectiva de homes e mulleres no deporte, así como contra a violencia machista. Ademais, a adhesión ao manifesto pola igualdade pasará a ser obrigatoria

O Diario Oficial de Galicia vén de publicar a resolución da Secretaría Xeral para o Deporte pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións, en réxime de concorrencia non competitiva, a clubs deportivos, sociedades anónimas deportivas e seccións deportivas de Galicia para o desenvolvemento de actividades deportivas, e se procede á súa convocatoria para o ano 2020.

A convocatoria, que se tramita como anticipada de gasto para facilitar a actividade deportiva dos clubs galegos así como a súa xestión económica, terá un importe total de 1.960.000 euros, aumentando un 2,08% con respecto a 2018. O importe máximo por entidade beneficiaria será de 29.990 euros e o prazo de presentación de solicitudes é dun mes a partir do día seguinte á publicación da resolución.

Os gastos subvencionados corresponderán ao período comprendido entre o 1 de xaneiro de 2019 e o 31 de decembro do mesmo ano, debendo terse efectuado e pagado nese período. Serán subvencionables os gastos derivados da participación en competicións de carácter oficial (licenzas, inscricións competicións, arbitraxes, adestradores, transporte e aloxamento a competicións, aluguer instalacións adestramento ou competicións, material non inventariable -balóns, roupa…-, produtos básicos de botiquín).

Como novidade cómpre salientar que dentro dos criterios a valorar puntuarase o desenvolvemento de actuacións en prol da igualdade efectiva de homes e mulleres no deporte, así como contra a violencia machista. Ademais, a adhesión ao manifesto pola igualdade pasará a ser obrigatoria.

Dentro das accións en prol da igualdade que se valorarán destaca a inclusión na equipación de xogo ou adestramento do logo en prol da igualdade efectiva de homes e mulleres no deporte, así como contra a violencia machista; o uso do logo ou o cartel contra a violencia machista e a prol da igualdade de xénero nas instalacións da entidade; o uso do logo ou o cartel contra a violencia machista e a prol da igualdade de xénero nos medios de comunicación da entidade (web, cartelería, redes sociais, outros similares); charla, conferencia, curso, xornada, ou similar dirixida aos distintos axentes do tecido deportivo galego -deportistas, árbitros, afeccionados, persoal técnico, pais e nais- no que se aborde a temática da igualdade e a violencia de xénero; campaña de promoción con medidas concretas orientadas ao incremento da participación feminina no ámbito do deporte; ou actuacións encamiñadas a favorecer ou mellorar as condicións laborais ou de profesionalización das mulleres que forman parte da entidade en calquera das súas áreas ou departamentos.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre