O delegado territorial da Xunta, José Manuel Balseiro, destacou a importancia de manter as instalacións en condicións axeitadas para fomentar a práctica deportiva
A Secretaría Xeral para o Deporte achegou 26.250 euros ás obras de substitución da cuberta que se acometeron recentemente no pavillón polideportivo do Cádavo, en Baleira.
O delegado territorial de Lugo, José Manuel Balseiro, visitou as instalacións esta mañá xunto co alcalde do municipio, Ángel Enrique Martínez Puga. A obra de mellora foi promovida polo concello e a Xunta colaborou sufragando máis da terceira parte do orzamento.
O pavillón atópase xunto ao Centro de Educación Infantil e Primaria (CEIP) Concepción López Rei, polo que é habitualmente utilizado polos alumnos e alumnas do centro.
Balseiro subliñou o compromiso do Goberno galego coa mellora das infraestruturas porque “resulta básico manter as instalacións en condicións axeitadas para fomentar a práctica deportiva”, afirmou.
Neste sentido, o delegado engadiu que a Xunta apoia as actuacións que realizan os concellos rurais para “completar as dotacións e que todos os veciños e veciñas teñan acceso aos mesmos servizos públicos en calquera parte do territorio”.
A Secretaría Xeral para o Deporte realizou unha aposta decidida neste 2019 polas infraestruturas deportivas. Nos orzamentos iniciais de 2018 destinábanse un total de 2.833.043 euros para a construción e a mellora das infraestruturas deportivas de Galicia. No exercicio 2019, a Secretaría Xeral para o Deporte destina unha contía de 3.934.217 euros -un 40% máis que o destinado inicialmente en 2018-.
En total, a provincia de Lugo foi beneficiada por obras de preto de 1 millón de euros nun total de 11 concellos e nas que participa a Secretaría Xeral para o Deporte a través dunha achega de preto de 400.000 euros.