Inicio Galicia A Secretaría Xeral da Emigración e o Consello da Cultura Galega reúnen...

A Secretaría Xeral da Emigración e o Consello da Cultura Galega reúnen nunha colección os clásicos da emigración do século pasado

0

A compilación está integrada por unha ducia de títulos de diferentes xéneros literarios prologados por especialistas contemporáneos na materia


A Secretaría Xeral da Emigración e o Consello da Cultura Galega veñen de editar Clásicos da emigración, unha colección de libros que, a través de distintos xéneros e épocas, pretenden ofrecer un reflexo fiel do que supuxo a emigración galega tanto para aqueles que a viviron desde os seus países de destino como para os que tiveron a perspectiva dos que viron marchar os seus seres queridos. A compilación, integrada por unha ducia de títulos de diferentes xéneros, recadan e divulgan obras que hoxe en día son difíciles de atopar en bibliotecas ou librarías, e que así poden ser máis accesibles para o público investigador, mais tamén para calquera persoa interesada no tema. Reúnen así as distintas perspectivas que marcaron un dos fenómenos demográficos máis importantes dos últimos séculos en Galicia a través de obras que abranguen tanto ensaios como literatura de ficción ou biografías, entre outros xéneros, escritos entre principios do século XX e os anos 60, aproximadamente. Cada un dos volumes, que se irá publicando ao longo dos vindeiros meses, está prologado por un especialista contemporáneo na materia, como Ramón Villares, Pilar Cagiao ou Raúl Soutelo, entre outros grandes coñecedores desta realidade, que desfrutan da consideración de ser obras clásicas para o coñecemento e análise da emigración galega nas súas diversas épocas, destinos e facetas.

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, salientou durante a presentación, celebrada na sede do Consello da Cultura Galega e na que estivo acompañado pola presidenta e o vicepresidente da institución, Rosario Álvarez e Xosé Manuel Núñez Seixas, respectivamente, e polo editor Ramón Villares, autor do prólogo do libro que abre a colección, que esta iniciativa quere servir de “homenaxe aos centos de milleiros de galegos que estenderon Galicia polos cinco continentes e fixeron dela o que é hoxe: unha terra chea de talento e influenzas retornadas desde todas partes do planeta”. Rosario Álvarez, pola súa banda, salientou que se trata “dun proxecto longamente acariñado e que permite o acceso libre a obras de referencia e de difícil acceso”.

Unha "remota aldea" desde onde observar a emigraciónLa emigración en Galicia, escrito por Ramón Castro López en 1921, é o primeiro título de Clásicos da emigración, colección que se completará con outras obras de referencia sobre este fenómeno demográfico, como Vida e milagros de Pepe de Xan Baña en trinta anos de Cuba [vindicación], de Xosé Baña Pose, ou Fardel do eisiliado, de Luís Seoane, por citar algúns. Ramón Villares celebrou, neste senso, que a colección “empece con este libro porque é un texto que vai contracorrente, que di cousas diferentes e foi orixinal e rompedor visto a día de hoxe”. No seu texto destaca o valor contracorrente do texto de Ramón Castro, un sacerdote lucense de orixe campesiño que foi destinado á parroquia de Vilar de Ortelle, no municipio de Ferreira de Pantón, onde botou media vida, desde 1895 ata 1928. Un lugar que el mesmo cualificou como unha "remota aldea" pero moi adecuada para "observar muy de cerca todo lo relacionado con la emigración".

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre