Inicio Galicia A Secretaría Xeral da Emigración abre o prazo para que os mozos...

A Secretaría Xeral da Emigración abre o prazo para que os mozos galegos do exterior poidan solicitar unha das 150 Bolsas Excelencia Mocidade Exterior

0

Os interesados, que deberán ser menores de 40 anos no momento de concluír o procedemento telemático, poderán presentar as súas solicitudes ata as 23:59 horas do 30 de abril


A Secretaría Xeral da Emigración vén de abrir o prazo de solicitude das Bolsas Excelencia Mocidade Exterior (BEME), dirixidas a mozos galegos do exterior que estean en posesión dun título universitario e desexen cursar un mestrado nunha das tres universidades galegas. A publicada onte no Diario Oficial de Galicia (DOG) é a cuarta convocatoria destas axudas, integradas na Estratexia Retorna 2020 e que ofrecen, ao igual ca na anterior edición, un total de 150 prazas para galegos menores de 40 anos que residan fóra das nosas fronteiras.

Precisamente nunha destas universidades, a de Vigo, despedíronse esta mañá as xornadas de orientación laboral para os beneficiarios da convocatoria 2019/2020, BEME Emprego. Ao acto, celebrado na Escola de Negocios da Universidade de Vigo (UVI) asistiron a vicerreitora de Captación de Alumnado, Estudantes e Extensión Universitaria, Natalia Caparrini, e responsables do departamento de Emigración da Xunta de Galicia.

Entre 7.000 e 11.475 eurosO prazo de solicitudes, que deben ser tramitadas integramente de xeito dixital e telemático, rematará ás 23:59 horas do vindeiro 30 de abril. Os mozos galegos do exterior que queiran beneficiarse deste programa de BEME deben ser galegos por nacemento ou descendentes por consanguinidade, acreditar un mínimo de dous anos de residencia no exterior, e estar admitido na preinscrición dalgún dos mestrados das universidades galegas. A bolsa, cuxo importe é de 7.000 ou 7.650 euros (segundo a persoa beneficiaria proceda de Europa ou do resto do mundo) por curso completo de 60 créditos ECTS, destínase a cubrir os gastos de matrícula, viaxe, aloxamento e manutención na Galicia territorial. Aqueles que se matriculen nun curso de maior duración (90 créditos) disporán dun presuposto total de ata 11.475 euros (en función do continente de procedencia do alumno). Ademais, deben ser menores de 40 anos no momento de concluír o procedemento de solicitude de praza.

Prácticas dinámicasAs Xornadas BEME Emprego perseguen ofrecer información sobre o mercado laboral en Galicia comparado con outros ámbitos, así como asesoramento no acceso ao emprego. Por esta razón están integradas por accións centradas na formación dos participantes, co fin de que coñezan que está a ofertar o mercado, e o que o mercado oferta na realidade. Ademais, as accións son prácticas dinámicas para que os bolseiros estean preparados e capacitados á hora de asistir a un proceso de selección.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre