Inicio Galicia A Residencia de Tempo Libre do Carballiño acollerá durante o verán tres...

A Residencia de Tempo Libre do Carballiño acollerá durante o verán tres quendas do campamento 'Facendo Camiño' dirixido a persoas con discapacidade

0

A delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, visitou aos 15 participantes da primeira quenda que durante 10 días realizarán diversas actividades que favorezan a súa inclusión social a través das artes

A delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, acompañada da xefa territorial da Consellería de Política Social, María José Fernández Laso, visitou esta mañá aos participantes da primeira quenda dos campamentos específicos para persoas con discapacidade que a Xunta, a través da Consellería de Política Social, organiza na Residencia de Tempo Libre do concello ourensán do Carballiño. O campamento Facendo Camiño trátase dunha experiencia educativa e artística para 45 persoas con discapacidade intelectual que se realizará ao longo deste verán neste centro residencial durante tres quendas.

Díaz Mouteira coñeceu as actividades que este programa nesta quenda ofrece durante 10 días a 15 usuarios, con idades comprendidas entre os 19 a 25 anos. Así, o educador Xabi López explicoulle que as e os participantes realizarán diversos obradoiros teatrais (expresión corporal, improvisación, atrezzos…) e rodarán diversas pezas audiovisuais musicais de diferentes formatos (videoclip clásico, lipdub, stop motion, flashmob…). Ademais complementarán a súa estancia xogando e coñecendo os arredores de O Carballiño e a súa estreita relación co Camiño, favorecendo así a súa inclusión plena na propia comunidade. Segundo os seus monitores “esa é a base real do programa: facer camiño pola inclusión social a través das artes”.

A representante do Executivo galego indicou que esta modalidade de campamentos de verán permiten gozar, durante 10 días, dunha estancia socializadora e de convivencia, nun espazo lúdico, humano, integrador, formativo e seguro; mediante o desenvolvemento de actividades dirixidas ao fomento de habilidades sociais, o contacto coa natureza e o mar, ao coñecemento da propia cultura e á educación para a saúde.

En opinión de Marisol Díaz, a Xunta promove este tipo de iniciativas co fin de que as persoas con discapacidade participen actividades de ocio adaptadas as súas necesidades e accesibles.

En total, a nivel autonómico, ofrécense un total de 185 prazas, ademais de no centro residencial do Carballiño, no albergue xuvenil Gandarío de Bergondo (A Coruña) e na Residencia de Tempo Libre de Panxón, Nigrán (Pontevedra).

As persoas participantes teñen recoñecida unha porcentaxe de discapacidade igual ou superior ao 33% e unha idade comprendida entre os 11 e os 40 anos, e dispoñen de servizo de aloxamento e manutención en réxime de pensión completa.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre