Inicio Galicia A quinta edición do 'Job Day' da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal permitirá...

A quinta edición do 'Job Day' da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal permitirá formalizar contratacións no sector da biotecnoloxía

0

Dez empresas galegas e do norte de Portugal entrevistaron neste evento celebrado en varias xornadas en Vigo e Porto a 80 candidatos e recibiron 978 currículos para cubrir os seus postos de traballo vacantes

A Agrupación Europea de Cooperación Territorial Galicia-Norte de Portugal (AECT) promoveu nas últimas semanas a quinta edición do Job Day, que este ano se dedicou ao sector da biotecnoloxía. Este encontro, destinado a favorecer a mobilidade laboral e fomentar a contratación de traballadores na Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, contou este ano coa participación dez empresas biotecnolóxicas.

As entidades participantes tiveron a oportunidade de entrevistar a 80 candidatos galegos e portugueses nos eventos Job Day celebrados en Vigo e Porto e recibiron tamén uns 978 currículos. Unha vez rematados os procesos de selección para cubrir as súas prazas de emprego dispoñibles as empresas informarán á Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal dos contratos formalizados.

Nesta edición dedicada á biotecnoloxía colaboraron o Clúster Tecnolóxico Empresarial das Ciencias da Vida de Galicia (BIOGA) e a Asociación Portuguesa de Bioindustrias (P BIO). Os Jobs Days celebrados en Vigo e Porto enmárcanse na IV edición da Feira Internacional de Emprego Universitario (FINDE.

U) organizada pola Universidade de Porto, en colaboración coa Universidade de Vigo e a Universidade de Trás-os-Montes e Alto Douro.

A feira acolleu estes encontros entre empresarios e traballadores da comunidade galega e o norte portugués no Instituto Feiral de Vigo (Ifevi) os pasados 22 e 23 de outubro e na Feira Internacional do Porto (Exponor) que se celebrou o martes e o mércores desta semana.

A AECT puxo en marcha os Job Days en 2014 co obxectivo de achegar a empresas e traballadores transfronteirizos de distintos sectores, unha iniciativa que se presentou en Bruxelas como un exemplo de boa práctica para a promoción do emprego.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre