Inicio Galicia A provincia de Lugo suma tres novas Festas de Interese Turístico de...

A provincia de Lugo suma tres novas Festas de Interese Turístico de Galicia, que verán duplicada a axuda económica da Xunta

0

O delegado territorial de Lugo, José Manuel Balseiro, valorou as distincións xunto con representantes da organización da Semana Santa de Lugo, a Festa das Cruces de Ribadeo e a Feira do Poldro de Muras


A provincia de Lugo suma tres novas festas de interese turístico de Galicia, que verán reforzado o apoio económico da Xunta e obter ata 7.500 euros ao dobrar a contía directa que concede a estes eventos. As novas distincións recoñecen á Semana Santa de Lugo, a Festa da Romaxe das Cruces, en Ribadeo, e Feira do Poldro e Gando do Monte de Muras.

O delegado territorial de Lugo, José Manuel Balseiro, valorou hoxe estes recoñecementos xunto con responsables da organización dos eventos: O alcalde de Muras, Manuel Requeijo; Ramón Basanta, coordinador xeral da Xunta de Confrarías da Semana Santa de Lugo, e Daniel Vega, en representación da Romaxe das Cruces.

Balseiro reiterou o compromiso da Xunta para impulsar estas celebracións que “engrandecen as xa de por si ricas manifestacións da cultura e tradicións populares de Galicia”, e gabou “os esforzos públicos e privados” que conflúen nestas citas.

Lembrou que en Lugo hai xa 35 festas de interese turístico, dúas das cales suman o recoñecemento de interese turístico nacional (o San Froilán e o Arde Lucus, ambas na capital) e unha o internacional (a Semana Santa de Viveiro).

A partir deste ano, a Xunta duplica a contía de 3.000 euros que concedía para colaborar cos custos de organización. Como viña sendo habitual, a esta axuda directa de 6.000 euros sumaranse 1.500 euros grazas a un convenio da Consellería de Cultura e Turismo coa entidade financeira Abanca.

Próxima estreaA Xunta de Confrarías da Semana Santa de Lugo será a primeira en estrear a condición de cita de interese turístico de Galicia, en apenas dúas semanas. Na súa declaración tivéronse en conta aspectos como o valor artístico das súas imaxes ou o feito de que se involucren en parte dos seus actos diversas institucións (Concello, a Armada, o Exército, a Garda Civil ou a Policía Autonómica). Ademais, desde a vertente relixiosa, ten a singularidade de incluír o Xoves Santo, na procesión da Santa Cea, o Sagrario da Reserva.

O barrio da Ponte, en Arante (Ribadeo), celebrará unha nova edición da Romaxe das Cruces o luns de Pentecostés -este ano o 10 de xuño- para conmemorar a vitoria sobre as tropas napoleónicas dos veciños e veciñas de sete parroquias de Ribadeo e Trabada: Arante, Ove, Cedofeita, Cubelas, Vidal, Vilaboa e Sante. O momento máis vistoso desta celebración é o bandeo dos pendóns, un ritual que require de gran destreza, forza e precisión para que, indo paralelo ao chan, non chegue a tocalo.

A Feira do Poldro e do Gando de Muras convoca no mes de setembro a milleiros de veciños e visitantes nun evento que se celebra dende hai máis de 30 anos. Naceu enfocada á exaltación e comercialización do poldro e da súa carne, un produto autóctono, criado en liberdade e cunha alimentación complementaria natural, aínda que tampouco se desatenden outros sectores como o gando vacún. Así, desde o amencer ate o mediodía a actividade principal é a compra venda de gando. Logo, dáse paso a unha tarde máis lúdica na cal se celebran carreiras e espectáculos ecuestres. 

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre