Inicio Galicia A presenza de Galicia na feira internacional de importación de China reforza...

A presenza de Galicia na feira internacional de importación de China reforza a súa imaxe como destino turístico de calidade

0

O encontro do conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, co vicealcalde de Xangai, Chen Yi, permitiu afianzar os lazos entre Galicia e China, tanto no ámbito económico e comercial como no cultural


Santiago de Compostela, 10 de novembro de 2018.- A presenza de Galicia na Feira Internacional de Importación de China celebrada en Xangai –onde exhibiron os seus produtos 14 empresas galegas ás que o conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, acompañou nesta misión comercial– permitiu reforzar a imaxe da comunidade como destino turístico de calidade.

Durante este evento internacional, que acolle máis de 2800 empresas de 130 países e concentra máis de 100.000 compradores profesionais, o conselleiro mantivo un encontro co vicealcalde de Xangai, Chen Yi, que permitiu afianzar os lazos entre Galicia e China, non só no ámbito económico e comercial senón tamén no cultural. Deste xeito, resaltouse unha vez máis o atractivo que para os viaxeiros chineses ten a oferta relacionada coa natureza, o patrimonio, os destinos urbanos e a enogastronomía, así como as rutas de peregrinación.

De feito, o apoio da multinacional chinesa Bright Food –cedendo un espazo no seu expositor desta feira– permitiu celebrar o Día de Galicia na Feira Internacional de Importación de China, contribuíndo así á promoción dos produtos galegos e do Xacobeo 2021 como un fito que permitirá seguir unindo Galicia e China, tendo en conta que no que vai de ano o número de peregrinos chineses medrou case un 11%. Neste sentido, o conselleiro apuntou que en Galicia a industria alimentaria e a gastronomía se dan na man, sendo un dos alicientes do turismo galego.

Durante a feira, os produtos das 14 empresas galegas –Pescanova, Albo, Bodegas Martín Códax, Vinigalicia, Viña Costeira, Lanzal-Galfrío, Galmesano, Mieles Anta, Mejillones Nidal, Feiraco Lácteos, Bodegas Terras Gauda, Grupo Pereira, Grupo Coren e Aceites Abril– serviron para amosar a enogastronomía como un dos principais atractivos turísticos de Galicia e potenciar así a Marca Galicia no mercado asiático. Ao mesmo tempo, os produtos galegos foron os protagonistas dunha degustación que correu a cargo do Centro Superior de Hostelería de Galicia á que estiveron convidadas máis de 500 persoas.

Neste 2018 celébrase o Ano do Turismo Unión Europea-China, unha oportunidade para Galicia neste importante mercado emerxente, motivo polo que nos últimos meses o Goberno autonómico ten intensificado o seu labor de promoción no país asiático. Entre outras iniciativas, o pasado mes de setembro Galicia reforzou os seus contactos co mercado chinés coa súa participación no II Foro de Turismo España-China (FOTEC), o evento de turismo máis importante entre ambos países que se celebrou tamén na cidade de Xangai.

A Estratexia do turismo de Galicia 2020 ten entre os seus obxectivos a internacionalización da Comunidade como destino, eido no que a evolución nos últimos anos é moi salientable. De feito, en 2017 os viaxeiros internacionais acadaron un peso do 28,7%, unha cifra récord. 

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre