Inicio Galicia A posta en valor da senda botánica e a mellora do parque...

A posta en valor da senda botánica e a mellora do parque infantil de Circos, dous atractivos para potenciar o turismo sostible e os valores naturais do Monte Aloia

0

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda en funcións visitou esta maña a zona na que se executarán estes traballos, que foron adxudicados por un importe de 30.000 euros

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda en funcións, Ángeles Vázquez, salientou esta mañá que a posta en valor da senda botánica e a mellora do parque infantil en Circos son dúas actuacións que potenciarán o turismo sostible e os valores naturais do Monte Aloia. A conselleira de Medio Ambiente visitou esta mañá estas zonas do primeiro parque natural declarado na Comunidade, nas que se levarán a cabo dúas actuacións para a mellora e posta en valor e que veñen de ser adxudicadas por un importe de 30.000 euros.

As tarefas consistirán na colocación de novos carteis informativos e á plantación de diferentes especies de árbores que incrementarán o atractivo para o visitante, ao tempo que se amplía o percorrido e se mellora o firme. Na zona infantil, crearanse novos espazos de lecer, como randeeiras, balancíns, torres e xogos educativos e a instalación de novos elementos para conformar un circuíto biosaudable.

Vázquez Mejuto indicou que estas dúas actuacións, cun prazo de execución medio de case tres meses, complementarán os traballos de conservación que xa se están a levar a cabo no parque por unha cuadrilla de 5 persoas e que consisten na restauración e adecuación de hábitats deste parque natural.

Asemade, recordou que a comezos deste mesmo mes, a Consellería de Medio Ambiente, adxudicou un contrato para o deseño e execución das campañas de divulgación, promoción do turismo de natureza sostible e educación ambiental neste parque natural.

Esta actuación, cofinanciada nun 80% a través do fondo europeo para o desenvolvemento rexional ao abeiro do programa FEDER Galicia 2014-2020, ten por obxectivo dispoñer dun servizo de atención ao público e sensibilización, así como de campañas de promoción turística e educativas que contribúan á concienciación ambiental da sociedade e a un mellor coñecemento dos espazos incluídos na Rede de Parques Naturais de Galicia, neste caso concreto na Casa Forestal Enxeñeiro Areses.

Axudas á sostibilidade da rede de espazos protexidosA conselleira de Medio Ambiente recordou o esforzo que realiza o Goberno galego para conservar e protexer, non só os parques naturais -como o Monte Aloia-, senón tamén os restantes espazos protexidos.

Nese sentido, recordou que ao longo do ano se promoveron diferentes liñas de axudas, por un importe de 8 millóns de euros, para a conservación e o desenvolvemento sostible da rede de espazos protexidos con axudas e actuacións nos parques naturais, no Parque Nacional Illas Atlánticas de Galicia (pendentes de convocar), e nos ámbitos da Rede Natura 2000 e das Reservas da Biosfera; así como as axudas en materia de biodiversidade. Unhas axudas que nas vindeiras semanas se resolverán e que beneficiarán a case o 75 dos concellos galegos (231).

Monte Aloia, primeiro parque natural de GaliciaDeclarado en 1978, o Monte Aloia, con apenas 746 hectáreas, foi o primeiro parque natural de Galicia. Situado no límite sur da Serra do Galiñeiro, un dos seus grandes atractivos son as vistas panorámicas dos vales do Miño e do Louro.

As súas particulares características fan que o seu Plan Reitor de Uso e Xestión (PRUX) –aprobado a comezos deste ano- se fixe o reto de ampliar a proxección deste espazo natural cara á sociedade. Así, aspira a convertelo nun exemplo de xestión da auga e dos hábitats asociados, xa que no Aloia nacen cinco correntes fluviais e tamén é unha zona de recarga de acuíferos.

Na mesma liña, resalta o potencial deste parque para postularse como un espazo no que se desenvolven modelos de explotación silvícola do monte comunal que, ademais de rendibles e sostibles, tamén poden ser compatibles coa conservación da biodiversidade. Ademais, planifícanse medidas orientadas a restaurar os hábitats naturais do monte, contribuíndo a diminuír o risco de incendios e incrementar a resiliencia do conxunto fronte ao lume.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre