A Policía Autonómica, dende a entrada en vigor da Lei 11/2010 de prevención de bebidas alcohólicas aos menores de idade, leva a cabo diversos dispositivos policiais por toda a comunidade galega
Axentes do grupo de Menores da Policía Autonómica levaron a cabo un total de 112 inspeccións de control de venda e consumo de bebidas alcohólicas e tabaco en 16 concellos galegos entre o 16 e o 22 de decembro de 2019. Nestes controis identificáronse a 19 persoas e levantáronse 4 actas de infracción.
Por parte dos distintos Grupos de Menores da Policía Autonómica da Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra e Santiago nesta pasada semana realizáronse 24 dispositivos de control de menores en risco de desamparo (absentismo escolar e consumo de alcohol/tabaco e drogas en menores de idade), nos concellos da Coruña, A Laracha, Ames, Lugo, Marín, Moaña, Mos, O Porriño, Pontevedra, Ponteareas, Redondela, Santa Comba, Santiago de Compostela, Tui, Vigo e Vilagarcía de Arousa.
Como resultado do dispositivo levado a cabo, foron identificadas 19 persoas e inspeccionadas 112 zonas de ocio, locais e centros comerciais. Levantáronse 4 actas de infracción: 2 por consumo de alcohol e 2 por venda de alcohol.
A Policía Autonómica, dende a entrada en vigor da Lei 11/2010, de prevención de bebidas alcohólicas aos menores de idade, leva a cabo diversos dispositivos policiais por toda a comunidade galega, para velar polo cumprimento da mesma e previr o consumo deste tipo de bebidas polos menores de idade.
Nestes dispositivos, ademais das denuncias pola infracción da Lei 11/2010, tamén se informa aos propietarios dos locais do seu contido, das actuacións que deben levar a cabo para o cumprimento da mesma e evitar o consumo de alcol entre os menores de idade, así como, que por parte da Policía Autonómica se continuará coas actividades necesarias para velar polo cumprimento da norma.