Inicio Galicia A plataforma É-Saúde nominada finalista dos premios New Medical Economics como mellor...

A plataforma É-Saúde nominada finalista dos premios New Medical Economics como mellor proxecto en saúde dixital

0

Conta, actualmente, cun total de 51.000 usuarios e cada día acceden unha media de 2.500 persoas


A Plataforma É-Saúde, ferramenta dixital dirixida a pacientes e cidadáns que permite acceder a unha serie de servizos interactivos e contidos personalizados de saúde dende calquera dispositivo conectado a internet, vén de ser nominada finalista aos premios New Medical Economics 2018 na categoría de mellor proxecto en saúde dixital 2018.É-Saúde conta, actualmente, cun total de 51.000 usuarios. Cada semana realízanse 400 novas altas a este servizo, ao que cada día acceden unha media de 2.500 persoas dadas de alta.É-Saúde, en marcha dende setembro de 2016, posibilita a estas persoas consultar e xestionar as súas citas, revisar a súa folla de tratamentos, os informes de alta, informes de probas diagnósticas, entre outras prestacións directamente dende o seu móbil, ordenador ou tablet.

Dende o mes de setembro do pasado ano os usuarios poden descargarse os informes dos programas de Saúde Pública. En concreto, os informes de prevención e detección precoz de metabolopatías, xordera neonatal, cancro de mama e cancro de colon; ademais dos de calendario de vacinacións. Toda esta información xérase na data da consulta, e contén as probas realizadas ata ese momento.

Para facilitar a consulta, os usuarios poden acceder a estes informes a través da carpeta A miña historia clínica Sergas, e nas carpetas de A miña carpeta de saúde infantil e A miña carpeta de cribado do adulto.

Outros usos da PlataformaÉ-Saúde permite acceder á axenda de citas en atención primaria ou especializada actualizada, posibilitando completala con citas e eventos persoais de maneira que o paciente, dende o propio móbil, poida consultar cando ten que recoller unha receita na farmacia, ir a unha consulta médica, realizar unha proba diagnóstica ou facer as actividades de promoción da saúde que tivera programado.

A Plataforma permite, ademais, o acceso a todos os cursos de formación da Escola Galega de Saúde para Cidadáns e dos cursos desenvolvidos polas asociacións de pacientes.

Así mesmo, a través dela pódense consultar servizos ou participar nas comunidades entre o seu persoal médico e de enfermería e outros pacientes, e nas asociacións de pacientes que lle permitan contactar con outros doentes cos que comparta dúbidas, recomendacións de hábitos de vida, etc.; todo iso coa garantía que ofrece o feito de que toda a información estea albergada no servidor do Servizo Galego de Saúde, coa conseguinte seguridade xurídica e tecnolóxica que iso supón.

Acceso delegadoMáis de 1.000 persoas teñen delegado o acceso a esta plataforma; este acceso está planificado de tal forma que permite que os pais, nais e titores, no caso dos menores de idade, ou os representantes legais ou persoas expresamente autorizadas polo paciente, no caso dos maiores, accedan no nome dos titulares aos servizos telemáticos personalizados que se ofrecen neste dispositivo.

Isto posibilita xestionar de modo máis directo e áxil os procesos de saúde a través dunha terceira persoa autorizada para o efecto. Entre outros servizos, permite ter acceso aos mesmos informes médicos e información sanitaria do titular do dereito, como os informes médicos de probas diagnósticas, as citas médicas ou os fármacos prescritos e pendentes de dispensación na oficina de farmacia. Ademais, Sanidade tamén engadiu aos servizos dispoñibles os informes de calendario de vacinación infantil.

Polo tanto, calquera pai, nai, titor legal ou coidador pode solicitar o permiso no seu centro de saúde, acompañando o seu DNI ou pasaporte, así como libro de familia, partida de nacemento ou documento que acredite a tutela ou a patria potestade para o caso de menores, ou sentencia xudicial de incapacitación ou tutela legal no caso de persoas incapacitadas. É tamén necesario que tanto o paciente como a terceira persoa autorizada e solicitante de dito acceso dispoñan da tarxeta sanitaria do Servizo Galego de Saúde.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre