Inicio Galicia A plataforma DAFIS da Xunta de Galicia continúa recollendo premios tras ser...

A plataforma DAFIS da Xunta de Galicia continúa recollendo premios tras ser recoñecida como exemplo de boas prácticas pola OMS en 2018

0
image_gallery.jpg

Leva o segundo accésit dos Premios Naos 2020, un premio que repite sete anos despois de ser galardoada co primeiro accésit


A plataforma DAFIS (Datos de Actividade Física Saudable) da Xunta de Galicia vén de ser galardoada co segundo accésit dos Premios Naos 2019 na categoría de promoción da práctica da actividade física no ámbito escolar, fallados o pasado 21 de setembro de 2020.

A ferramenta liderada pola pola Fundación Deporte Galego da Secretaria Xeral para o Deporte e que conta coa colaboración das Consellerías de Cultura, Educación e Universidade e de Sanidade, xa foi premiada co primeiro accésit destes premios en 2013, así como co recoñecemento da oficina europea da Organización Mundial da Saúde como exemplo de boas prácticas para a promoción da actividade física no ámbito escolar, en 2018.

Con máis de 28.840 valoracións realizadas a mais de 16.900 alumnos desde a súa posta en marcha (2013), DAFIS é un exemplo de coordinación entre diversas entidades co obxectivo común da mellora da saúde dos escolares galegos a través de práctica regular da actividade física e deportiva.

Estreitamente vinculada cos Proxectos de Vida Activa e Deportiva nos centros educativos do Plan Proxecta da Consellería de Educación, recolle os datos de condición física saudable dos escolares galegos entre 6 e 16 anos, incluíndo datos de IMC, perímetros de cintura e cadeira. Os centros galegos adheridos a DAFIS son máis de 140.

Desde o seu inicio, a plataforma DAFIS formou a mais de 275 profesores en 14 cursos de formación no uso e manexo das diferentes partes das que se compón DAFIS. O labor pedagóxico que se realiza nos centros educativos para que o alumnado incremente a actividade física no seu día a día é fundamental para acadar mellores niveis de saúde e benestar nunha época tan complicada e con tantos desafíos sanitarios.

Ademais, desde este novo curso escolar, os servizos de pediatría dos centros de saúde incorpóranse a DAFIS, podendo acceder, coa aprobación previa das familias, aos resultados das probas e así colaborar neste labor pedagóxico e de seguimento da saúde dos escolares.

O obxectivo é establecer unha metodoloxía común para os profesionais do deporte e outros profesionais da saúde, para permitir a prescrición da actividade física, a avaliación do impacto na saúde da cidadanía e o seguimento da mesma, establecendo un novo modelo de colaboración entre distintas entidades e administracións. DAFIS pretende ser unha ferramenta útil e eficaz para a xestión dos datos obtidos, estatísticas, comparativas e informes personalizados dos diferentes individuos e colectivos que realizan valoracións da condición física relacionada coa saúde en Galicia.  

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre