Inicio Galicia A planta de compostaxe de Sogama empezará a recibir os residuos orgánicos...

A planta de compostaxe de Sogama empezará a recibir os residuos orgánicos da Laracha e Carballo a comezos do próximo ano

0

A conselleira de Medio Ambiente avanza que estes dous concellos coruñeses serán os primeiros en empezar a entregar os seus biorresiduos nas novas instalacións de Cerceda, que se porán así oficialmente en funcionamento

A planta de compostaxe de biorresiduos domésticos de Sogama empezará a funcionar a comezos do próximo ano. Así o anunciou esta mañá a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, quen participou xunto aos alcaldes da Laracha, Manuel López, e de Carballo, Evencio Ferrero, na presentación do programa de recollida selectiva da fracción orgánica en ambos municipios, un paso previo imprescindible para poder enviar os seus biorresiduos a estas instalacións.

De feito, estes dous concellos serán os primeiros en empezar a depositar a fracción orgánica dos seus residuos urbanos na planta de compostaxe do complexo de Cerceda. Estas instalacións, nas que a Xunta investiu máis de tres millóns de euros, teñen capacidade para tratar 15.000 toneladas ao ano deste tipo de material e grazas a elas contribuirase a que os concellos poidan acadar o obxectivo fixado por Europa de reciclar o 50% dos residuos urbanos no ano 2020, unha competencia municipal, lembrou Ángeles Vázquez, pero para a que contan co apoio e axuda do Goberno galego.

A implantación nestes dous concellos coruñeses do quinto contedor para facilitar a recollida da fracción orgánica nos seus núcleos urbanos, dixo a conselleira, reforzará e virá complementar o Programa de Compostaxe Doméstica de Sogama, ao que ambos están adheridos desde hai anos e que centra a súa atención sobre todo no eido rural.

Así, lembrou que os concellos de Carballo e A Laracha dispoñen xa, respectivamente, de 300 e 105 composteiros instalados, e que, ademais, ambos se beneficiaron este ano do reparto de contedores específicos para depositar a fracción orgánica. Neste sentido, felicitou a ambos rexedores polo traballo feito ata o de agora e incidiu en que “están dando pasos decisivos para chegar a acadar a xestión integral” dos biorresiduos coa súa adhesión á nova planta de compostaxe de Sogama, un exemplo que confía en que seguirán outros concellos da comarca que, como indicou, xa amosaron interese polo seu funcionamento.

Cómpre lembrar que máis do 40% da bolsa negra dos fogares está composta por materia orgánica, de aí a importancia tanto de reducir a produción destes residuos, como de incrementar a súa separación e tratamento axeitados. A fabricación de compost comporta un triplo beneficio xa que contribúe á mellora do medio ambiente ao reducir as emisións de CO2; garante un fertilizante de calidade coa recuperación dunha práctica tradicional do rural galego; e tamén se reducen os custos dos servizos municipais de recollida do lixo.

De feito, a responsable de Medio Ambiente apuntou que aos concellos tamén lles sairá máis rendible apostar por unha correcta xestión dos biorresiduos, xa que o canon de Sogama por tratar esta fracción na planta de compostaxe é máis barato que o da bolsa negra.

Programa de compostaxe domésticaDesde a posta en marcha do programa de Compostaxe Doméstica, Sogama xa distribuíu gratuitamente 10.900 composteiros entre 314 entidades, maioritariamente concellos (188), colexios (108) e colectivos e entidades sociais (18). Cada un destes dispositivos para facer compost teñen entre 360 e 400 litros de capacidade e están realizados a partir de materiais reciclados, o que permite que, ao final da súa vida útil, sexan totalmente recuperables.Ángeles Vázquez explicou tamén que o seu departamento seguirá apostando o ano que vén por este programa de éxito, xa que Sogama ten previsto repartir en toda a comunidade un total de 3.000 novos dispositivos para transformar residuos orgánicos en compost.

Así mesmo, referiuse a outros proxectos e iniciativas impulsados pola Consellería nos últimos meses co obxectivo de fomentar a compostaxe e a educación arredor do tratamento da fracción orgánica e os seus beneficios medioambientais. Neste sentido, lembrou o programa escolar posto en marcha este curso e do que se beneficiarán arredor de 10.000 alumnos de 30 centros de Infantil e Primaria con horta e comedor; aos proxectos demostrativos que se están a desenvolver en Mondoñedo e As Nogais -no primeiro caso, centrado na compostaxe comunitaria e no segundo, a nivel doméstico-; ou á iniciativa RES2VALHUM de cooperación transfronteiriza entre Galicia e o norte de Portugal, para poñer en valor a materia orgánica e evitar o seu depósito en vertedoiros.

Orzamentos 2020Por outra banda, tamén lembrou que a Xunta seguirá a manter outras iniciativas e axudas a disposición dos concellos, responsables últimos da xestión dos residuos urbanos, co fin de axudalos a chegar aos obxectivos fixados por Europa nesta materia. Así, avanzou que nas contas de 2020 do seu departamento reservaranse case seis millóns de euros para mellorar a xestión da fracción orgánica do lixo e avanzar cara á súa valorización.

En concreto, cinco millóns destinaranse a iniciar a posta en marcha de tres plantas públicas de tratamento de biorresiduos domésticos (unha por provincia, que se sumarían á de Cerceda) e a unha nova orde de axudas, con 700.000 euros, para desenvolver instalacións para tratar a fracción orgánica, tanto de iniciativa municipal como de empresas privadas. Ademais, Vázquez Mejuto tamén explicou que o seu departamento volverá convocar o próximo ano unha liña de subvencións destinada a colaborar cos municipios na xestión dos residuos urbanos, salientando que a orde contará cun orzamento “histórico” de 2,6 millóns.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre