Inicio Galicia A piscinas do Complexo Deportivo de Monterrei abrirán as súas portas o...

A piscinas do Complexo Deportivo de Monterrei abrirán as súas portas o xoves 25 de xuño de 12 a 21 horas e co seu aforo ao 75%

0

Na páxina web do Deporte Galego xa se pode consultar o protocolo de actuación tras a superación da fase III e o comezo da nova normalidade


O Complexo Deportivo de Monterrei inaugurará a súa tempada de verán -que se prolongará ata mediados de setembro- o vindeiro xoves 25 de xuño coa apertura da área de piscinas composta por unha piscina con efecto de ola, unha infantil e catro de adultos. O horario de apertura será, como en anos anteriores, de 12 a 21 horas.

Seguindo a resolución da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Sanidade, pola que se dá publicidade do Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 12 de xuño de 2020, sobre medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada pola covid-19, unha vez superada a fase III do Plan para a transición cara a unha nova normalidade, as piscinas do Complexo de Monterrei, acollerán o 75% do seu aforo -1.575 persoas-.

Ademais, a adquisición de entradas farase, prioritariamente, a través da páxina web www.complexomonterrei.com con reserva, adquisición e pago en liña. Outra opción é a adquisición e pago en billeteira con tarxeta bancaria. O prezo das entradas para acceder ás instalacións acuáticas mantense invariable desde hai catro anos. Así, a entrada para os maiores de 18 anos custa 2,30 euros e a de menores, 1,30 euros. O acceso para os nenos menores de 3 anos é gratuíto. Ofrécese tamén a posibilidade de adquirir bonos de 10 entradas que abaratan o acceso ás piscinas cun prezo de 10 e 20 euros, para menores e maiores de idade, respectivamente.

Nova normalidadeO pasado 12 de maio, o Complexo Deportivo de Monterrei abría as súas portas -dúas pistas polideportivas, estadio de atletismo, catro canchas de tenis, dúas pistas de padel e unha ampla zona verde e de ocio- seguindo o protocolo básico de actuación elaborado pola Xunta.

Neste intre, na páxina web do Deporte Galego xa se pode consultar o protocolo de actuación tras a superación da fase III e o comezo da nova normalidade. A práctica da actividade física e deportiva non federada, ao aire libre, poderá realizarse de forma individual ou colectiva, sen contacto físico, e ata un máximo de vinte e cinco persoas de forma simultánea. O horario de apertura será de luns a domingo de 9 a 22 horas.

Para poder usar estas instalacións os usuarios deberán concertar cita telefónica de 09,00 a 12,00 no teléfono 629576393. Ademais deberán presentarse nas oficinas do Complexo Deportivo de Monterrei para o seu rexistro e verificación de horario e instalación. Todos os usuarios deberán cumprir estritamente coas medidas de protección e seguridade establecidas polas normas vixentes e detalladas no protocolo básico de actuación.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre