Inicio Galicia A pioneira Lei de aproveitamento lúdico das augas termais permitirá a Galicia...

A pioneira Lei de aproveitamento lúdico das augas termais permitirá a Galicia contar cun marco normativo que impulsará un crecemento ordenado e seguro do sector

0

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, compareceu esta mañá no Parlamento para explicar os principais aspectos desta normativa que regula un novo uso das augas termais, dando resposta a unha demanda social e empresarial

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, compareceu esta mañá no Parlamento de Galicia con motivo do debate da totalidade da Lei de regulación do aproveitamento lúdico das augas termais de Galicia. Na súa intervención o conselleiro destacou que esta norma, que é pioneira en España, permitirá a Galicia contar cun completo marco normativo en torno ás augas termais grazas ao que se impulsará un crecemento ordenado e seguro do sector.

Así, Conde incidiu en que Galicia será a primeira Comunidade autónoma en regular os diferentes aproveitamentos das augas termais establecendo un novo uso que marcará unha fronteira clara entre os balnearios e talasos, con usos terapéuticos e que están regulados por unha lei do ano 1995; e os espazos e piscinas termais, con usos lúdicos, nos que se centra a nova norma. Deste xeito, Galicia dá resposta a unha realidade empresarial e a unha demanda real da sociedade actual, ofrecendo seguridade xurídica e garantías a proxectos turísticos que, ata a data, non tiñan unha regulamentación específica.

Tal e como explicou, os obxectivos da lei son velar pola salubridade e hixiene dos aproveitamentos lúdicos das augas termais; garantir a sustentabilidade ambiental das augas termais para evitar a degradación da súa calidade e a redución do seu caudal; protexer a súa integridade como recurso natural, patrimonial, cultural, turístico e lúdico; e promover o desenvolvemento económico e social das poboacións onde xorden estas augas.

O conselleiro repasou algúns dos aspectos máis relevantes da normativa, na que se fixa como condición previa que as augas conten coa declaración de termais; se regulan os casos de compatibilidade dos novos aproveitamentos lúdicos cos establecementos balnearios e os seus perímetros de protección; se establece o procedemento para obter autorizacións administrativas renovables cada 10 anos para as persoas ou entidades privadas e concesións de 30 anos prorrogables ata 75 no caso de entidades públicas; esixe garantía financeira, seguro de responsabilidade civil, un plan de aproveitamento de carácter cuatrienal e a restitución da situación ao estado orixinal tras a finalización do aproveitamento; marca as condicións de accesibilidade, seguridade e hixiénico sanitarias das instalacións; ademais dun réxime de inspección e sancións con multas de entre 300 e 90.000 euros. Conde lembrou, tamén, que aqueles espazos que se atopen actualmente en funcionamento contarán cun prazo máximo de 12 meses para regularizar a súa situación. Preténdese protexer este recurso e garantir a salubridade e seguridade das instalacións aos usuarios.

O conselleiro finalizou destacando que con esta lei Galicia contará cun novo mapa termal no que todos e cada un dos usos destas augas estará ordenado e regulado; con garantías para os propietarios; os interesados en impulsar novas instalacións; os usuarios e para o propio recurso que seguirá contando coa máxima protección. Conde referiuse ao gran potencial termal de Galicia -que conta con 300 captacións mineiro medicinais, 21 balnearios e 3 talasos- e subliñou que esta lei é unha nova oportunidade para o sector turístico, para o tecido empresarial e para dinamizar a actividade económica do interior de Galicia -onde se localiza boa parte deste recurso-. Por iso pediu aos grupos parlamentarios o seu apoio e que se sumen ao consenso que obtivo a norma durante toda a tramitación previa.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre