Inicio Galicia A pioneira Lei de aproveitamento lúdico das augas termais de Galicia entrará...

A pioneira Lei de aproveitamento lúdico das augas termais de Galicia entrará en vigor no mes de febreiro

0

A normativa, que se acaba de publicar no Diario Oficial de Galicia, dá resposta a unha demanda social e empresarial que permitirá contar cun mapa termal no que todos e cada un dos usos das augas termais estará ordenado e regulado


O Diario Oficial de Galicia (DOG) vén de publicar a Lei 8/2019 do 23 de decembro, de regulación do aproveitamento lúdico das augas termais de Galicia, que entrará en vigor o vindeiro 2 de febreiro. Trátase dunha norma pioneira en España que permitirá a Galicia contar cun completo marco normativo en torno ás augas termais grazas ao que se impulsará un crecemento ordenado e seguro do sector.

Galicia será a primeira Comunidade autónoma en regular os diferentes aproveitamentos das augas termais, establecendo un novo uso que marcará unha fronteira clara entre os establecementos balnearios, con usos terapéuticos e que están regulados por unha lei do ano 1995; e os espazos e piscinas termais, con usos lúdicos, nos que se centra a nova norma. Deste xeito, Galicia dá resposta a unha realidade empresarial e a unha demanda real da sociedade actual, ofrecendo seguridade xurídica e garantías a proxectos turísticos que, ata a data, non tiñan unha regulamentación específica.

Os obxectivos da lei son velar pola salubridade e hixiene dos aproveitamentos lúdicos das augas termais; garantir a sustentabilidade ambiental das augas termais para evitar a degradación da súa calidade e a redución do seu caudal; protexer a súa integridade como recurso natural, patrimonial, cultural, turístico e lúdico; e promover o desenvolvemento económico e social das poboacións onde xorden estas augas.

Entre os aspectos máis relevantes da normativa -na que se fixa como condición previa que as augas conten coa declaración de termais- están: a regulación dos casos de compatibilidade dos novos aproveitamentos lúdicos cos establecementos balnearios e os seus perímetros de protección; o establecemento do procedemento para obter autorizacións administrativas renovables cada 10 anos para as persoas ou entidades privadas e concesións de 30 anos prorrogables ata 75 no caso de entidades públicas; a esixencia da garantía financeira, seguro de responsabilidade civil, un plan de aproveitamento de carácter cuadrienal e a restitución da situación ao estado orixinal tras a finalización do aproveitamento; marca as condicións de accesibilidade, seguridade e hixiénico sanitarias das instalacións; ademais dun réxime de inspección e sancións con multas de entre 300 e 90.000 euros. En canto ao espazos que se atopen actualmente en funcionamento contarán cun prazo máximo de 12 meses para regularizar a súa situación. Preténdese protexer este recurso e garantir a salubridade e seguridade das instalacións aos usuarios.

Con esta lei, Galicia contará cun novo mapa termal no que todos e cada un dos usos destas augas estará ordenado e regulado; con garantías para os propietarios; os interesados en impulsar novas instalacións; os usuarios e para o propio recurso que seguirá contando coa máxima protección.

Galicia, con 300 captacións mineiro-medicinais, 21 balnearios e 3 talasos, conta cun gran potencial neste eido polo que esta lei é unha nova oportunidade para o sector turístico, para o tecido empresarial e para dinamizar a actividade económica do interior de Galicia -onde se localiza boa parte deste recurso-.  

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre