Inicio Galicia A orde de horarios de establecementos e espectáculos públicos permite aos concellos...

A orde de horarios de establecementos e espectáculos públicos permite aos concellos ampliar ou reducir a hora xeral de peche

0

O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, presidiu hoxe a Comisión de espectáculos públicos e actividades recreativas de Galicia na que se aprobou esta orde


O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, presidiu hoxe a Comisión de espectáculos públicos e actividades recreativas de Galicia, reunión na que se presentou e aprobou o proxecto de orde pola que se determina o horario xeral de apertura e peche dos establecementos abertos ao público e de inicio e finalización dos espectáculos públicos e das actividades recreativas na comunidade galega. Desta forma, o proxecto avanza na súa tramitación con este paso previo á súa aprobación definitiva.

Santiago Villanueva destacou que a nova orde establece que serán os concellos os que poderán ampliar ou reducir de forma extraordinaria os horarios xerais de peche, tal e como xa se establecía na nova Lei de espectáculos, que entrou en vigor o pasado ano. Os municipios poderán ampliar ata un máximo de dúas horas o horario de peche de establecementos durante a celebración das festas e verbenas populares e en datas como o Entroido, a Semana Santa e o Nadal, facendo compatible o seu desenvolvemento coa aplicación da normativa en materia de contaminación acústica.

Os concellos tamén terán facultade para reducir os horarios fixados na orde en dúas horas en áreas de alta concentración de establecementos, espectáculos ou actividades cualificadas como residenciais, medioambientais protexidas ou saturadas.

Por outra parte, poderán acollerse a un réxime especial de horarios as actividades de restauración que se vaian celebrar en establecementos de hospedaxe, polígonos industriais, centros sanitarios e tanatorios, así como áreas de servizo de estradas, aeroportos, estacións de ferrocarril e autobuses.

Ademais, os concellos catalogados como zonas de gran afluencia turística poderán autorizar horarios especiais para os titulares dos establecementos que o soliciten porque vaian a levar a cabo actividades de restauración, ocio e entretemento.

Cabe destacar que, por exemplo, no tocante á restauración, o texto recolle que os restaurantes o horario xeral de peche é ás 02.00 horas, nas cafeterías e bares ás 02.30 horas e nos salóns de banquetes ata as 03.30 horas. Entre os locais de ocio e entretemento o horario de apertura remata ás 02.00 nos furanchos, ás 04.00 nos pubs, ás 04.30 nos cafés-espectáculo e ás 06.00 nas salas de festas e discotecas.

Durante a fin de semana (venres, sábados e domingos) e nas vésperas de festivos e festivos o horario de peche ampliarase media hora.

Esta nova orde de horarios adecúase ao decreto do novo Catálogo de espectáculos públicos, actividades recreativas e establecementos abertos na comunidade galega que regula e organiza as distintas actividades e elimina categorías con escasa incidencia ou que se poden encadrar noutras tipoloxías xa existentes.

Entre as principais novidades deste catálogo, destaca a eliminación de figuras como os karaokes ou tablaos flamencos, xa que a súa incidencia en Galicia non xustifica unha tipoloxía propia e ademais poden encadrarse noutras xa existentes como os pubs ou os cafés-espectáculo respectivamente. Ao mesmo tempo, incorpóranse novas figuras como os espectáculos pirotécnicos, as salas de concertos, os parques multiocio ou os furanchos.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre